Os deputados provinciais mantiveron un encontro co alcalde Mondoñedo e os veciños de Santa María Maior que, dende fai case dous anos e medio, sofren inundacións nas súas propiedades cada vez que se rexistran precipitacións intensas
O portavoz e deputados do PP na Deputación e o alcalde de Mondoñedo, Manolo Otero, reuníronse unha vez máis cos veciños de Santa María Maior para analizar a situación de “desatención” por parte do goberno provincial de PSOE e BNG. “Mantivemos unha xuntanza cos veciños afectados para ofrecer asesoramento e axudarlles a buscar solucións para intentar evitar a inxustiza de ter que pagar o servizo dos bombeiros comarcais da Deputación polos problemas ocasionados pola mala canalización de augas pluviais nunha estrada provincial”, explicou.
Tanto o Concello a través de diferentes escritos, como o Grupo Provincial Popular -nos plenos de outubro do 2023 e en xaneiro do 2025- e os propios veciños a través dunha recollida de sinaturas lle teñen solicitado formalmente atender as demandas para o arranxo da canalización da drenaxe con tubaxes de suficiente capacidade para evitar novos rebentóns como o que o 1 de xaneiro de 2023 espertaba aos veciños coas súas vivendas, hortas e propiedades inundadas; ademais da propia vía LU-P-3103. Unha situación que se ten repetido en máis ocasións dende entón supoñendo inconvenientes para os veciños e veciñas e riscos para os usuarios desta vía de titularidade provincial.
A canalización e a drenaxe da marxe dereita da estrada provincial LU-P-3103 no lugar da Braña continúan totalmente desfeitas “case dous anos e medio despois do primeiro episodio de rebentóns e inundacións” que se repiten cada vez que se rexistran intensas precipitacións na zona. Os rebentóns débense “moi probablemente ao mal deseño, obstrución e falta de mantemento”, considera o portavoz popular.
Os populares esíxenlle a Tomé e o seu goberno adoptar medidas de forma urxente para garantir a seguridade de persoas, inmobles e vehículos acometendo as obras necesarias, previa realización dos estudos técnicos, para canalizar a auga de escorrentía nesta vía provincial mediante canalizacións de drenaxe lonxitudinal e transversal. Así mesmo, cren necesario levar a cabo un mantemento axeitado das cunetas e reparar os danos causados ao firme da estrada provincial.
Os deputados popular xa teñen advertido en varias ocasións que “tamén hai varandas rotas e que o firme está desfeito noutro treito de aproximadamente 1 km desta vía que quedou sen arranxar cando se mellorou o resto da estrada”.