As XXXII Xornadas Técnicas e o XXVI Encontro Empresarial celébranse entre o xoves 8 e o venres 9 de maio no porto de Burela (Lugo) coincidindo coa XX Feira Expomar
O xoves 8 pola mañá celébrase nas instalacións de Armadores de Burela o 26 Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, unha reunión sectorial na que as entidades máis representativas da frota galega e outras asociacións nacionais reflexionan sobre os principais retos sectoriais en curso, como a xestión e normativas pesqueiras, temas sociais e laborais como a substitución xeracional, e outros asuntos que condicionan a competitividade do sector. Froito deste encontro faranse públicas as “Conclusións 2025”, como resumo das decisións tomadas durante a xornada.
O xoves 8 pola tarde comezan no salón de actos da Confraría de Pescadores de Burela as 32 Xornadas Técnicas, que, na súa primeira xornada tratará, como é habitual, a xestión pesqueira e os principais retos do sector pesqueiro, confrontando as diferentes visións nacional, europea, internacional e experiencial, coa participación de Daniel Voces, director de Europeche: “Prioridades do sector pesqueiro para o novo mandato da UE”; Juan Manuel Elices, subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca: “A xestión pesqueira en España, retos de futuro”; Despina Symons, directora da Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento EBCD: “Pesca e medio ambiente: retos e oportunidades a nivel internacional e europeo”; e José Valle, como armador local: “Reflexión sobre unha vida no mar”. Esta primeira xornada estará moderada por María do Carme García Negro, investigadora ad honorem da Universidade de Santiago de Compostela.
A segunda Xornada celébrase o venres pola mañá para abordar temas como a sostibilidade, a saúde, a socioeconomía e o consumo de peixe. Nesta mesa participan: Edita Pereira, xefa de servizo de estudos de CEOE e membro do Consello Económico e Social (CES) e do Consello da Produtividade de España: “A xeopolítica, no epicentro do mundo actual”; José Luis Santiago, técnico da área de Socioeconomía da Pesca do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR): “Redes que sosteñen territorios: a pesca como motor económico e social”; Javier Botana, peixeiro divulgador coñecido como “Capitán Agallas”, de Pescaderías Coruñesas: “Redes sociais. Calquera sector illado vólvese débil e vulnerable”; e Miguel Ángel Lurueña, divulgador científico autor de Gominolas de Petróleo: “Peixe: nutritivo, saboroso e… seguro?”. Esta segunda xornada estará moderada por Álex Rodríguez, secretario do Consello Consultivo de Frota de Longa Distancia LDAC.
Como broche final, ao finalizar as Xornadas celebrarase no recinto da feira a tradicional degustación de “Peixe de Burela” ofrecida por Armadores de Burela e a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.