Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro defenderá no Senado que o Goberno de Sánchez incorpore o proxecto da Gran Senda do Navia ao programa de Caminos Naturales e execute as obras necesarias

O senador do PP lucense intervirá este luns na Comisión de Agricultura, Ganadería y Alimentación da Cámara Alta

Lugo, 4 de maio de 2025. O senador José Manuel Balseiro defenderá este luns na Comisión de Agricultura, Ganadería y Alimentación a proposta do PP lucense para que o Goberno de España incorpore o proxecto da Gran Senda do Navia ao programa de Caminos Naturales, executar as obras necesarias e amosar o seu apoio a esta proposta de senda peonil e cicloturista que discorre ao longo de 428 km por 16 municipios de Lugo e Asturias.

Os populares consideran positivo o proxecto para un importante número de municipios como “elemento vertebrador e dinamizador” da zona dende o punto de vista “cultural, socioeconómico e turístico”. Ademais, conectaría tres das rutas oficiais do Camiño de Santiago: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo e o Camiño Norte.

Balseiro cre que “esta iniciativa permitiría poñer en valor o importante patrimonio natural, cultural e etnográfico” e “constituiría un importante revulsivo para o desenvolvemento económico e social da comarca da Montaña e a zona do Val do Navia favorecendo a creación de empregos e a fixación de poboación no rural”.

O proxecto fora presentado por institucións promotoras da sociedade civil, grupos de sendeiristas da provincia de Lugo e do occidente asturiano a comezos do 2018 ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Pero, “dende aquela pasaron sete anos e o Goberno de Sánchez non fixo nada”.

Polo tanto, o Grupo Popular daralle a Sánchez dende o Senado o mandato para incorporar esta senda ao programa de Caminos Naturales e executar as obras necesarias, despois de que as respostas por escrito do Executivo ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense evidenciaran que “non era un proxecto prioritario” para o actual Goberno de España.

A Gran Senda do Navia aspiraba á máxima puntuación para conseguir financiamento a través do programa Caminos Naturales por tratarse dun proxecto intercomunitario e para o desenvolvemento un territorio deprimido e afectado polo despoboamento, pero para o seu impulso é preciso contar coa declaración de obra de interese xeral.

Esa declaración e a súa inclusión no programa de Caminos Naturales do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación foi reclamado ao Goberno de España trala aprobación no Congreso dos Deputados en abril do 2022 dunha Proposición Non de Ley do Partido Popular.

OUTROS APOIOS

Tamén teñen manifestado o seu apoio ao proxecto a Deputación de Lugo e o Goberno do Principado de Asturias. E Os 16 Concellos formalizaron recentemente o seu apoio coa sinatura dun convenio marco de actuación.

A gran senda ás marxes do río Navia dende o seu nacemento á súa desembocadura pasa por sete municipios lucenses -Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro- e nove de Asturias -Allande, Boal, Coaña, Grandas, Ibias, Illano, Navia, Pesoz e Villayón-.

Exit mobile version