Este sábado, 3 de maio, celebrarou un acto inaugural no que se presentaron as instalacións, así como as actividades e motivación das mesmas. Este espazo foi sometido a unha renovación completa para convertelo nun espazo moderno e accesible, dotado cunha liña innovadora de máquinas de musculación e cardio como ebikes e materiais novidosos enfocados ao adestramento funcional. “Unha instalación deportiva pensada para a mellora do benestar da veciñanza”, asegurou Dani García, concelleiro de dinamización.
O acto comezou cunha mesa redonda onde se sentaron profesionais do ámbito da actividade física como Noemí Ramajo, monitora das actividades físicas para adultos nas escolas deportivas municipais, e Marco Martínez, barreirense e adestrador persoal en MOW Proyect. A continuación, realizouse unha visita guiada pola instalación da man de Lara Martínez, técnica deportiva do Concello.
As obras foron financiadas cun convenio coa área de Deportes da Deputación, dirixida polo vicepresidente Efrén Castro, e coa dotación dunha subvención de 40.000 euros da Secretaría Xeral para o Deporte. O equipamento foi renovado coa adquisición de tres máquinas ao abeiro da subvención concedida pola Xunta e a formalización dun contrato de renting polo propio Concello para o resto de maquinaria.
O pasado venres, visitaron as instalacións -acompañados do goberno municipal, encabezado pola alcaldesa, Ana Ermida e o concelleiro de dinamización, Dani García- o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o xefe provincial de Deportes, Manuel Otero.
O mes de maio, portas abertas
Durante o mes de maio, o ximnasio abrirá as súas portas con persoal técnico para familiarizarse coas instalacións e co funcionamento das mesmas. Así, faranse públicos os horarios en sesión de mañás ou de tardes alternativas para facilitar o achegamento das instalacións a toda a poboación.
A alcaldesa manifestou o “orgullo de contar cunhas instalacións punteiras e adaptadas ás necesidades de Barreiros, cun incremento dos servizos e unha mellora tanto na prestación como no asesoramento técnico existente.”