Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros recoñece a labor da Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil polos seus 25 anos

No acto de recoñecemento, fíxose entrega dun detalle tamén ás dúas persoas que levan 25 anos ininterrumpidos nas labores voluntarias: Ramona Rodríguez Pérez ”Nita” e Agustín Rodríguez Pérez

Barreiros, 30 de maio de 2025. O salón de plenos do Concello de Barreiros acolleu no día de hoxe un humilde acto de recoñecemento á Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil, no que se recoñeceu por parte do Goberno Municipal a labor realizada nos máis de 25 anos de existencia da mesma. Igualmente, recoñeceuse ás dúas persoas, Nita Rodríguez Pérez e Agustín Rodríguez Pérez, que levan 25 anos de servizo voluntario ao pobo de Barreiros.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, fixo entrega dunha placa conmemorativa ao presidente da Agrupación de Persoas Voluntarias de Protección Civil de Barreiros; que conmemora os máis de 25 anos en activo, prestando asistencia e axuda a toda a veciñanza. Tamén entregou dous detalles de recoñecemento individual ás dúas persoas que levan desde os inicios da agrupación en activo na mesma.

A rexedora quixo trasladar “o inmenso agradecemento do pobo de Barreiros a todas as persoas que adicades o voso tempo libre a servir e axudar ás veciñas e veciños.

As persoas voluntarias de Protección Civil son fundamentais no funcionamento deste concello e de gran parte dos actos públicos que se fan nel. O seu traballo nas festas, nos eventos deportivos, culturais ou sociais, é moitas veces invisible; pero fundamental para garantir que se desenvolvan con éxito e seguridade. Pero non só: xogan un papel crucial na asistencia en emerxencias, sendo moitas veces as primeiras persoas en chegar e aportando proximidade e empatía en circunstancias moi duras.

E, por suposto, non podemos esquecer, aínda que parece que pasou moito tempo, o crucial papel xogado na pandemia da COVID19; onde se respondeu dun xeito excepcional en circunstancias cunha gran incerteza”.

Ermida destacou tamén a capacidade de coordinación que ten amosado a Agrupación, que traballa con outras entidades ou institucións, como a Garda Civil, facendo que Barreiros sexa tamén referente na resposta e atención de emerxencias.

Nese sentido, “agradeceu, en nome de todo o pobo de Barreiros, todo o traballo que estas persoas realizan de xeito voluntario, restando tempo das súas vidas particulares, para seguir servindo á veciñanza no seu tempo libre e contribuíndo a facer do noso concello un lugar máis solidario, máis seguro e máis cómodo para vivir.”

Exit mobile version