Trátase dunha iniciativa que busca fomentar hábitos de vida saudables mediante a música, o baile, a actividade física e o encontro interxeracional, convertendo os espazos públicos do municipio en escenarios de participación, convivencia e benestar.
A primeira sesión celebrarase esta tarde na Praza do Concello, a partir das sete, coa participación de SCR Ledicia. A actividade continuará ao longo de todo o mes de maio con ensaios os martes e mércores en dous escenarios principais: a Praza do Concello e a Praza da Mariña.
O día 7, mércores, será a quenda de Arume, ás seis da tarde, na Praza da Mariña. A seguinte semana, o martes 13, Arume volverá actuar neste mesmo espazo ás sete e media da tarde, mentres que o mércores 14, ás nove da noite, será o grupo Dambara quen tome o relevo. SCR Ledicia regresará o martes 20, de novo na Praza do Concello ás sete da tarde, e os ensaios abertos concluirán o mércores 21 coa última actuación de Dambara ás nove da noite na Praza da Mariña.
Desde a organización destacan que os ensaios están abertos a toda a veciñanza, promovendo a participación activa da cidadanía nun ambiente festivo, cultural e inclusivo. “A proposta pretende reforzar tanto o benestar físico como o emocional e social, apostando por unha saúde entendida como un proxecto colectivo e comunitario”.
“A saúde tamén se constrúe dende o colectivo, o movemento e a cultura, e iniciativas coma esta son unha mostra de como traballar pola saúde de maneira próxima e participativa”, subliñan desde a Mesa de Saúde e o Concello.