Site icon Crónica3.com A Mariña

“Cada vez resulta máis evidente a ineficacia do alcalde de Ribadeo para cumprir os seus compromisos e a súa facilidade para mentir e botarlle a culpa ao anterior goberno”, afirma o BNG

Ribadeo, 6 de maio, 2025. O BNG afirma que: “Namentres, as familias das persoas desprazadas a outras residencias constatan que rematou o prazo de execución das obras do Hospital Asilo, e os seus usuarios e usuarias ven pasar o tempo lonxe das súas familias, lonxe de Ribadeo. Daniel Vega só sabe responder con mentiras e botando man do consabido “a culpa é do BNG”. Non lle importa contradicirse a si mesmo e negar o que afirmaba na prensa e nas propias redes sociais do concello hai poucos meses”.

“En novas aparecidas na prensa mariñá en novembro do 2024, e tamén en comunicado subido á páxina web do concello a 26 de febreiro de 2025, Daniel Vega dicía que “non houbo ningún modificado do proxecto”. Case dous anos despois de ter tomado posesión, o alcalde deixaba ben claro que non houbera que facer ningún modificado. Ou falaba por falar sen comprobar como ía realmente a obra, ou dicía a verdade. Se falaba por falar, mal asunto (aínda que cada vez tennos máis acostumado a tales artes). Pero se dicía o certo naquel momento, a que vén agora afirmar que, como houbo que facer modificacións, por iso hai retrasos no remate da obra? A que vén botar man do anterior goberno para botarlle a culpa de todo?”.

“Xa lle dixemos a comezos de ano que os tabiques non se levantan laretando, nin se prepara a instalación eléctrica entre nota e nota de prensa e paseo triunfal por un anaquiño de obra preparado para a ocasión. Gobernar élle outra cousa. E cada vez semella que lle queda aínda máis e máis lonxe e máis grande. Por iso só lle queda como recurso o que vostede tan ben fai: faltar á verdade, eludir as súas responsabilidades, botar man da mentira chocalleira”.

Exit mobile version