Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “O problema cultural da España española”. Xoán Antón Pérez Lema

Seica o galego Núñez Feijóo, líder estatal do PP, foi ver unha tourada desas da feira madrileña de San Isidro e o público (esa substancialidade dos “españoles muy españoles y mucho españoles” -que dixo Rajoy-, disque de puro, caravel e gin tonic) descubriu o que as galegas e galegos todos sabíamos: que o das Peares non gosta das touradas nin entende delas, como máis do 90% da cidadanía galega, que militamos, quer na indiferenza, quer no aberto arrepio por un espectáculo cruel e en evidente devalo canto ás afeccións mesmo nesa “España española”, que delimita o profesor Bastos (USC). O que nos sitúa a galegos e galegas na amplísima maioría europea que refuga deste caduco espectáculo.

Non é o asunto das touradas o único que afasta a cultura dominante desa España española da Europa e mesmo de millóns de cidadáns españois. Ollemos, senón, cara á recorrente participación do Estado español no decadente festival de Eurovisión. Para os factótums españo-madrileños da cousa, dende a época de Uribarri I o Grande , compre enviar nidios representantes da chamada música española que unha vez e outra tamén, baten contra da teimuda incomprensión dos no points outorgados a esgalla polos xurados profesionais e populares, dende o Dnieper até as fisterras irlandeses do condado de Kerry. “No nos quieren, Carmen” , seica lle dicía o dictador Franco á súa dona ( amante recoñecida da xoiería galega e de se esquecer de pagala) cando xuntos, mais non revoltos, pasmaban diante do Festival.

Porque cando os Uribarris de quenda puideron amañar o tiro non foron quen ou non quixeron facelo. Velaí o caso do veto á intervención em catalán de Joan Manuel Serrat (1968) ou o recente amaño para que non participaran as nosas Tanxugueiras (2022), non fora ser que alguén pensase na Europa que a España española non teimase nesa recorrente imaxe cultural internacional que tantos éxitos ten acadado. Por certo, que mellor para as nosas Tanxugueiras, que tiveron a oportunidade de incrementar exponencialmente o seu coñecemento nos níveis nacional, estatal, europeo e mundial, mentres contribuían á nosa autoestima cultural e nacional e ao recoñecemento internacional da nosa música, lingua e cultura e todo isto sen necesidade de partillar canda un lote de freakies de diferentes extraccións. Por certo alguén sabe algo de Chanel, que naquel 2022 gañou con trampa a candidatura eurovisiva?

O problema cultural da España española ten a ver coa idea da mesma non como Estado plural senón como Imperio. Nun tal marco mental só hai un xeito de ser español, só hai unha lingua española e unha cultura admisíbel. A lingua galega ou as manifestacións culturais galegas, canda as vascas, catalás, valencianas, mallorquinas ou canarias nunca son consideradas centrais no acervo plural español, canto máis simple folklore rexional. Mais a cuestión non e só nin nomeadamente cultural, senón económica. Velaí a radialidade da alta velocidade e das autovías e a progresiva centralización económica nese Madrid que papou Castela e que, a cabalo da devandita centralización e do dumping fiscal que exerce a súa Administración rexional, vai camiño de papar ao Estado todo. Mais diso xa temos falado e seguiremos a falar.

Así e todo, a cultura política unitarista e centralista española e esa caste de supremacismo imperial a respecto doutras linguas e culturas non atopa na Europa democrática, afeita á pluriculturalidade, moita conexión. Velaí a explicación a moitos anos de historia e moitos fenómenos que dende Madrid adoitan axuizarse cun “no nos quieren”.

A arrincadeira. Parabéns ao Celta!

O Celta acadou posto na Europe League cun gol de Iago Aspas e dende o deportivismo cómpre que lles parabenizemos, como bos galegos. Axiña chegarán tempos de enfrontarmos na Primeira e gañar, mais hoxe é día de recoñecemento aos celtiñas.

Exit mobile version