A saída e a meta serán na Praza dos Campos, en San Cibrao
A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, e por unha representación dos membros do club local A Fume de Carozo, na contorna da Praza dos Campos, onde será a saída e a meta da competición.
Tal e como explicaron desde a organización, haberá unha andaina de 13 quilómetros cun desnivel aproximado de +300 metros, un trail de 16 quilómetros cun desnivel aproximado de +600 metros e un trail de 25 quilómetros cun desnivel aproximado de +1000 metros.
Nos trails tan só poderán participar as persoas maiores de 18 anos, pero a Andaina si que estará aberta para menores coa correspondente autorización do pai, nai ou titor/a.
Toda a información relativa ao evento e a inscrición está dispoñible a través da ligazón:
https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3045/iii-trail-a-fume-de-carozo-2025
Todas as persoas inscritas recibirán un agasallo, e a inscrición inclúe seguro, avituallamento, dorsal e servizo de duchas.
En ámbolos dous trails haberá trofeo para os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina; e premiarase oa mellor e á mellor atleta na categoría absoluta (18-39 anos), veteranos A (40-49 anos) e veteranos B (de 50 anos en diante), ademais haberá un trofeo específico para o mellor clasificado e a mellor clasificada local.
Desde o Concello de Cervo animan a desfrutar desta proba xa consolidada como un dos eventos deportivos máis destacados do municipio e que combina natureza e deporte nun mesmo escenario.
A alcaldesa quixo poñer en valor o esforzo que hai detrás do evento por parte dos membros e colaboradores do club de trail A Fume de Carozo, poñendo o foco na importancia de “seguir apostando por este tipo de iniciativas que ademais de ser un escaparate turístico de primeira orde, dinamizan a vida das nosas vilas, e fomentan tamén hábitos de vida saudables, sempre cun respecto absoluto pola nosa contorna”.