Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebrou este martes a súa Carreira Solidaria en apoio ás persoas afectadas pola DINA de Valencia

A actividade, contou coa colaboración do Concello de Cervo, e desenvolveuse nas pistas de atletismo da Veiga durante toda a mañá

Cervo, 27 de maio, 2025. As pistas de atletismo da Veiga acolleron esta mañá unha carreira solidaria organizada polo CEIP de Cervo, en colaboración co Concello de Cervo, na que participou todo o alumnado, desde infantil ata 6º de primaria.

A iniciativa enmárcase na XXI edición da Carreira Escolar Solidaria, promovida por Save the Children que canaliza os fondos recadados que serán destinados ás persoas afectadas pola DINA que asolou a Comunidade Valenciana.

Durante a carreira, o alumnado estivo acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quen quixo sumarse a esta xornada tan especial, amosando o seu apoio e recoñecemento á iniciativa que tamén é unha das actividades que pecha este curso o programa “Cada Gota Conta”, no que está inmerso o CEIP de Cervo, en colaboración con outros catro centros de ensino de diferentes puntos de España.

Cada neno e nena correu animado polos seus patrocinadores: familiares e amizades que fixeron unha aposta simbólica, entregando nun sobre pechado a cantidade que consideraron oportuna por cada volta completada por cada neno/a.

Desde a comunidade educativa do CEIP de Cervo sinalan que queren agradecer ao Concello de Cervo a súa colaboración na iniciativa, a través da cesión das instalacións e tamén por facilitar o transporte de todo o alumnado ata o complexo da Veiga.

E Tamén expresan o seu máis sincero agradecemento ás persoas patrocinadoras, cuxa xenerosidade fixo posible esta xornada de deporte, solidariedade e concienciación.

Exit mobile version