Os traballos poderían comezar a finais do verano, se as condicións climatolóxicas o permiten
O proxecto para rexenerar o Souto da Retorta levarase a cabo en dúas fases. Contará cunha licitación complexa e, se a climatoloxía o permite, os traballos poderían comezar a finais do verán, concretamente, en setembro.
A intervención no Souto da Retorta será deseñada e executada co maior coidado, xa que, ademais de tratarse dun espazo senlleiro e de referencia en Viveiro, é de difícil acceso. Por todo iso, levarase a cabo un estudio xeotécnico para evitar potenciais colapsos e para calibrar as condicións do acceso da maquinaria pesada que levará a cabo as labores de rexeneración á zona.
O Avó, fóra de risco
O Avó, o eucalipto máis groso e característico do Souto da Retorta –e o máis susceptible de recibir as apertas dos visitantes–, non corre risco. Pese a iso, será obxecto das atencións necesarias, como as que se levaron a cabo cando foi cercado para evitar que o chan do seu redor fose pisado e se dificultase a súa respiración.
Na xuntanza celebrada esta mañá, na que se esbozaron as liñas mestras da actuación, estiveron presentes Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro; Tomás Fernández Couto, subdirector xeral de Patrimonio Natural; Jesús Montouto, delegado territorial de Medio Ambiente na provincia de Lugo; Martín Vale, tenente de alcaldesa de Viveiro; Vicente Vázquez Chao, concelleiro de Obras de Viveiro; María Loureiro, voceira do PSOE de Viveiro; Míriam Bermúdez, voceira do BNG de Viveiro; e Manuel Galdo, concelleiro de Por Viveiro.