Site icon Crónica3.com A Mariña

Concerto en Barreiros co gallo do Día das Letras Galegas

Barreiros, 12 de maio de 2025. Como presentación da edición deste ano das Xornadas Etnográficas da Mariña, a asociación Tecedeira organiza o vindeiro 16 de maio, ás 21:00 h na Praza do Concello de Barreiros, o concerto Traspielas da cantora galega Su Garrido Pombo, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e o cancioneiro popular.

Traspielas é unha proposta audiovisual que nace a partir de pezas tradicionais recollidas pola propia artista na súa aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). Acompañada por un equipo artístico multidisciplinar, Su Garrido Pombo ofrece unha creación contemporánea que combina música, poesía e imaxes actuais e de arquivo, nun diálogo entre pasado e presente.

O espectáculo pon o foco na memoria colectiva, na voz das mulleres e na cultura popular do territorio, revitalizando o legado sonoro da tradición galega a través dunha posta en escena que mestura emoción, etnografía e vangarda.

Este concerto supón a apertura simbólica das III Xornadas Etnográficas da Mariña, que se desenvolverán en Barreiros do 30 de maio ao 1 de xuño, e reafirma o compromiso da organización coa difusión e valorización da cultura tradicional galega desde unha mirada actual.

O evento conta coa colaboración do Concello de Barreiros e da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A entrada é de balde. O deseño dos carteis destas XEAM está asinado polo artista mariñao DAViXiNO.

Exit mobile version