O popular preguntou á Secretaria de Estado de Industria se o Goberno de Sánchez vai compensar ás empresas polos custes nos que están incorrendo polo apagamento debido á “mala xestión” do seu Executivo
Conde aclarou este martes na Comisión de Industria e Turismo do Congreso dos Deputados que “a bonificación de peaxes e os custes de compensación non están en vigor e, polo tanto, non están dando respostas ás empresas”.
O deputado lucense e portavoz de Industria do Grupo Popular dirixíase á Secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, para abordar as medidas en vigor e o seu impacto económico previsto para que as empresas electrointensivas e de coxeneración poidan competir en igualdade de condicións cos seus competidores na Unión Europea.
Nese sentido, Conde especificou que “no ano 2024 executáronse 180M€ de bonificación de peaxes que nestes momentos non teñen cobertura legal porque non están en vigor dende o 1 de xaneiro de 2025”. E sobre os custes de compensación indicou que “as empresas lle trasladaron ao Ministerio de Transición Ecolóxica que son 917M€ os que teñen para compensar”.
Ademais, lembrou que “o Estatuto de consumidores electrointensivos leva máis de 2 anos para a súa modificación e que no ano 2024 tan só supuxo 29M€”. E engadiu que “desde fai 5 años, non se publicaron as subastas de aquelas centrais que terminaban a súa vida”.
APAGAMENTO: UN CUSTO REPUTACIONAL E ECONÓMICO
O portavoz de Industria do Grupo Popular considera que o apagamento supuxo “un custo reputacional” -porque fixemos o ridículo a nivel internacional- e “un custo económico” -as empresas terían que asumir nun ano 4.000M€ polos servizos de axuste e o Goberno nin sequera é capaz de concretar un prazo no que van ter que seguir asumindo eses custos-.
Así, Conde preguntou á Secretaria de Estado de Industria se o Goberno vai compensar ás empresas polos custes operativos e financeiros nos que están incorrendo polo apagamento derivado da “mala xestión” do Executivo estatal.
O popular indicou que “o Goberno de Sánchez fracasou na xestión do mix enerxético” composto de renovables e de enerxías de respaldo. “O apagamento é simplemente unha consecuencia do seu fracaso”, incidiu.
Así mesmo, considera “aínda máis preocupante” que “o Goberno de Sánchez diga que non sabe o que pasou”. Nese caso, considera que “ao mellor non se atreven a recoñecer o que pasou polas consecuencias económicas e as responsabilidades políticas que terían que asumir”.