Forman parte da comisión como membros voluntarios: Rocío Pertejo, Patricia Pérez e Susana Moreira; e como membros natos: Carmen Cruzado, presidenta de Acisa; Felipe Fernández, secretario da asociación; Manoli Torviso, tesoureira de Acisa e representante do sector comercial, así como Trinidad Otero e José Ramón Leal, en representación do comercio ribadense asociado; e Jesús Pérez, xerente de Acisa.
Foi o xerente o que explicou que “a comisión é un órgano consultivo non vinculante” e que “calquera decisión ou acordo adoptados deberán ser ratificados pola xunta directiva e pola asemblea xeral de Acisa”. E subliñou que “a comisión deberá reunirse ao menos unha vez ao ano”.
A presidenta, Carmen Cruzado, deulles á benvida “ás voluntarias coas que se ven de constituír esta primeira comisión de traballo, a de comercio, un foro no que agardamos abordar todas aquelas cuestións de interese para o sector”.
Cruzado Iglesias indicou: “esta é a primeira comisión que constituímos en Acisa Ribadeo. Agardamos ao longo dos vindeiros meses poder crear outras como a de hostalería e hoteis, servizos ou industriais. Aproveitamos para facer un chamamento aos negocios asociados para que dean o paso e poidamos contar con estes foros para traballar e cambiar impresións, porque son moi interesantes”.
A primeira xuntanza da comisión de comercio, tras a súa constitución, será despois do verán.