Site icon Crónica3.com A Mariña

Convocado o XV Concurso Fotográfico de Medio Ambiente “Cervo Respecta”

Establécese un primeiro e un segundo premio, e tamén haberá un premio Top Cervo, á mellor instantánea sacada nalgunha localización do municipio

Cervo, 6 de maio de 2025. O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, convoca o XV concurso fotográfico de medio ambiente “Cervo Respecta 2025”.

Os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías, baseadas na temática xenérica do medio ambiente, inéditas e orixinais, sacadas en calquera lugar da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán que ser imaxes de natureza viva, que sirvan de exemplo de conservación do noso medio.

Deberanse presentar en formato dixital (JPEG), en alta calidade, a unha resolución mínima de 2.048 px. sen limitación de tamaño en MB; a través do correo medioambiente@concellodecervo.com.

O prazo para presentar as imaxes remata o 23 de maio

Hai tres premios establecidos. Un primeiro, un segundo, e o premio “Top Cervo” á mellor fotografía na que se identifique claramente algunha localización do municipio; dotados todos eles con figuras de cerámica de Sargadelos.

O fallo do xurado, composto por tres membros competentes na materia, farase público o 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente.

O certame, cuxa publicidade está ilustrada coa foto que se fixo co primeiro premio no 2024 -Cea ao Atardecer de Anxo Cao- foi presentado pola edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e polo concelleiro de Zona Rural que animan a todos os amantes da fotografía a que participen no concurso que é “unha chamada tamén á reflexión, convidándoos a que collan as súas cámaras e capten eses momentos que reflictan o respecto, a beleza e tamén os retos que afronta a noso medio ambiente”; ao tempo que nos permitirán coñecer o seu traballo compartindo a súa mirada, e tamén descubrir lugares e situacións únicas, como sempre fan edición tras edición nesta iniciativa que “naceu para poñer en valor a nosa contorna natural e fomentar unha conciencia máis respectuosa co medio”, apuntaron.

Exit mobile version