Durante o coloquio, as empresas, procedentes de sectores tan diversos como a limpeza, a distribución, o traballo temporal ou a construción, coincidiron en que, a pesar das súas diferenzas, teñen moitos puntos en común, especialmente no relativo á procura de persoal cualificado e á necesidade de formación adaptada ás súas realidades.
Un dos aspectos máis valorados do encontro foi o papel que o Plan de Emprego de Cruz Vermella tivo nas súas estratexias de selección e contratación. Varias das empresas asistentes levan anos colaborando co Plan e realizaron contratacións directas de persoas participantes nos itinerarios de inserción que ofrece Cruz Vermella.
Con todo, tamén se subliñou un aspecto preocupante: ‘O Plan de Emprego é o gran descoñecido de Cruz Vermella’, comentaban algunhas voces, a pesar de que neste 2025 cumpre 25 anos de traxectoria ofrecendo oportunidades a persoas en situación de vulnerabilidade e apoiando ao tecido empresarial.
Este tipo de encontros buscan fortalecer a colaboración público-social-empresarial e visibilizar o impacto de programas que, como o de Cruz Vermella, contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva, na que ninguén quede atrás.