O sistema VioGén rexistra 768 mulleres vítimas de violencia de xénero na provincia de Lugo
Isabel Rodríguez abriu a xornada xunto ao director provincial do SEPE, Andrés Ibáñez, e a técnica do SEPE, Tania López, que fixo un relatorio sobre os aspectos concretos da prestación. Na charla abordáronse a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero ante o SEPE, a duración, o prazo e a contía do novo subsidio, entre outras cuestións.
“O apoio económico que supón o subsidio ofrece ás mulleres vítimas de violencia de xénero ou sexual unha oportunidade de rearmarse para saír adiante e a seguridade de sentirse recoñecidas e acompañadas pola administración”, afirmou a subdelegada, aproveitando a xornada para animar a denunciar calquera tipo de violencia contra as mulleres.
O sistema VioGén rexistra 768 mulleres vítimas da violencia de xénero na provincia de Lugo. Unha realidade fronte á que o Servizo Público de Emprego pretende dar ferramentas que permitan servir de sostén económico a mulleres en situacións de especial vulnerabilidade, como son ás vítimas de violencia de xénero ou sexual.
Isabel Rodríguez afirmou que “actuar como Estado fronte á violencia de xénero ou sexual é un compromiso esencial do Goberno de España para avanzar plenamente en políticas públicas que permitan dar resposta de maneira transversal ás necesitades das vítimas”.
“Trátase de abordar a complexidade do problema desde todos os ámbitos: sociocultural, educativo, sanitario, xurídico e económico. O obxectivo non pode ser outro que atender situacións complexas para combater os diversos tipos de violencia e a discriminación contra as mulleres”, dixo para sinalar a importancia de xornadas como esta, que perseguen o fin de divulgar os avances nun asunto capital como é atender ás vítimas, erradicar as violencias machistas e lograr a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, en liña co obxectivo 5 da Estratexia 2030.