Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis dun cento de pilotos participarán esta fin de semana no Rally da Mariña

Viveiro, 8 de maio de 2025. Esta tarde presentouse en Viveiro a sétima edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputará esta fin de semana -10 ao 11 de maio – nos concellos de Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo, e que terá a base en Viveiro.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é a principal patrocinadora da proba, que impulsa desde a súa posta en marcha, en 2019, situando a comarca da Mariña no calendario do automobilismo galego de asfalto.

O Rally alcanza nesta edición os 101 equipos inscritos -25 máis que na pasada edición-, reforzando unha proba que vai gañando participantes e afección ao longo dos anos.

Na presentación, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou a traxectoria da proba e destacou a participación local cunha ducia de equipos da comarca na liña de saida”, explicando que “o obxectivo do apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao tecido deportivo, neste caso á Mix Rallye Sports, é fomentar e facilitar a práctica deportiva en toda a provincia”

Tamén animou “a afeccionadas e afeccionados de toda Galiza a achegarse ata a Mariña para desfrutar do Rally, no que o espectáculo deportivo está garantizado coa presenza dos mellores pilotos galegos”.

No acto, celebrado no Hotel Las Sirenas, participaron pilotos locais, membros da escudería organizador Mix Rallye Sports e representantes dos concellos polos que pasa a proba, da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno -que coordina a seguridade – .

Apoio ao automobilismo

O apoio á celebración do Rally da Mariña -cunha achega de 23.000 euros – encádrase na colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén co tecido automobilistico provincial, co patrocinio das probas máis destacadas da provincia – Rallly San Froilán, Subida a Chantada, Subida á Pontenova e Subida a Taboada -, a organización do Volante Deputación, orientada a pilotos noveis que se queren iniciar na competición, e coa convocatoria anual de axudas de concorrencia competitiva para pilotos.

Apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou o importante activo económico e turístico que representan este tipo de convocatorias. “A unión de deporte e turismo é unha combinación gañadora -afirmou-, e probas como o Rally da Mariña contribúen a reforzar a marca Galicia e a posicionar a nosa provincia como un referente no mundo do motor”.

Neste sentido, lembrou que Galicia ocupa un lugar destacado no panorama automobilístico nacional, sendo a segunda comunidade en número de licenzas federativas e a terceira en canto a clubs.

Exit mobile version