Lembrou que a Deputación aínda non abonou o millón de euros prometido por José Tomé para o Concello de Viveiro antes da moción de censura do 7 de marzo
Na xuntanza, Mariña Gueimunde agradeceu a colaboración da Deputación en asuntos como o arranxo da Rúa do Porto ou da Xunqueira. Tamén incidiu noutros temas nos que demandou máis apoio por parte da institución provincial, como o do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, no que, segundo explicou a rexedora, «a partida dos Orzamentos 2025 é de 15.000 euros». «Eu creo que o presidente debería retomar a cuestión e ampliar a contía, porque na provincia existen tres conservatorios de carácter comarcal, polo que a inversión, no caso do de Viveiro, non só reverte nos veciños do Concello, senón tamén nos de toda a comarca. E hai que ter en conta que o Conservatorio de Viveiro conta con 240 alumnos, catro veces máis que os de Vilalba e Monforte de Lemos», manifestou a alcaldesa.
Estradas
Mariña Gueimunde tamén demandou na xuntanza con Rivera Capón que as estradas do Concello de Viveiro se manteñan en bo estado; que se leven a cabo as reparacións e procedementos de limpeza necesarios para despois proceder a rozar. «Incidín sobre todo nas de Vieiro, Galdo e Covas, porque son as que máis tráfico soportan», explicou. Acerca da solicitude de redutores de velocidade para a de Galdo, a alcaldesa propuxo que se recupere a posibilidade de proceder á súa colocación.
Outro dos temas que Mariña Gueimunde puxo sobre a mesa fai referencia a temas deportivos. «Para nós sería moi importante asinar convenios nesta materia. Estamos moi preocupados, por exemplo, polo estado un pouco vergoñento de Cantarrana, e máis porque imos poñerlle o nome dun futbolista de renome no noso Concello como é Kiko Rey».
O millón de euros pendente
Durante o encontro mantido esta mañá, Mariña Gueimunde lembroulle a Pablo Rivera que José Tomé, presidente da Deputación, prometera destinar un millón de euros para Viveiro antes da moción de censura do 7 de marzo. Pero, case tres meses máis tarde, non hai novas da inversión. A alcaldesa comunicou que «seguiremos insistindo nela, porque non estamos en disposición de perder eses cartos debido á delicada situación que atravesa o Concello».
Logo da xuntanza, Rivera Capón informoulle a Mariña Gueimunde que algúns dos temas que se puxeran enriba da mesa, como por exemplo o convenio para o co pago do Belén vivinte que se coloca no Nadal na Igrexa de Santa María, deberían ser tratados directamente con José Tomé. «Estou moi agradecida a que me recibira o deputado provincial de Promoción Económica e Social. Deixoume claro que algúns dos temas debería tratalos directamente co presidente da Deputación e, polo tanto, seguiremos reclamando esa cita porque é el quen decide. Como conclusión, pretendemos continuar na liña de respecto institucional, porque eu represento á veciñanza de Viveiro e teño que reclamar o que lle veña ben e sexa necesario para os viveirenses», argumentou a alcaldesa de Viveiro.