En Galicia levamos anos camiñando cara a un modelo turístico máis descentralizado, máis ligado ao territorio e menos dependente das grandes infraestruturas, tamén menos estacional. Un modelo que medra nos meses baixos grazas ao turismo interior, ao Camiño de Santiago e, cada vez máis, á oferta de pisos turísticos que permiten coñecer Galicia dun xeito próximo, sostible e flexible. E fronte a iso, a resposta dalgúns partidos é a de sempre: prohibir, limitar, crear taxas o non polo non.
A proposta de implantar unha taxa turística en Galicia é un erro político, económico e social. Non responde a unha análise seria do sector nin a unha planificación a longo prazo. É simplemente unha vía fácil para aparentar control e facer caixa a costa dos mesmos de sempre: a clase media, os pequenos propietarios e os visitantes que dinamizan a nosa economía.
Eu teño o tema claro: os pisos turísticos son positivos cando cumpran a normativa. Non son o inimigo. Son unha ferramenta útil para fixar poboación, rehabilitar vivendas, diversificar a oferta e xerar actividade nas zonas rurais e urbanas. Penalizar este fenómeno con novas taxas é, simplemente, non entender o que pasa no mundo.
Miremos a Europa. En Portugal, o modelo de licenzas AL (Aloxamento Local) permite o rexistro e control de pisos turísticos sen afogar aos propietarios nin crear novas taxas abusivas. En Italia, moitas rexións apostaron por mecanismos de inspección e trazabilidade fiscal en lugar de novas cargas impositivas. En Finlandia, a colaboración entre plataformas e administracións garantiu unha convivencia harmónica co parque de vivenda tradicional, sen alarmismos.
Agora ben, esta defensa dos pisos turísticos non implica esquecer aos hoteis, pensións, cámpings, casas de turismo rural e aloxamentos profesionais. Ao contrario: recoñecemos e valoramos profundamente o seu traballo, o seu investimento continuado e o seu compromiso coa calidade e o territorio. Por iso, debemos reclamar medidas que compensen os seus gastos crecentes, como a redución da presión fiscal, a simplificación de trámites e incentivos reais para mellorar a eficiencia enerxética, dixitalización ou renovación das súas instalacións. O turismo galego debe ser un equipo, non un campo de batalla.
O problema non é o turismo, é a incapacidade política para xestionar ben o crecemento. O noso país ten que apostar por:
- Mellorar os servizos públicos vinculados ao turismo.
- Regular con intelixencia, non con castigos.
- Diferenciar entre quen fai as cousas ben e quen non.
- Dar seguridade xurídica aos emprendedores locais que están mantendo vivas aldeas, barrios e centros históricos con esforzo propio.
Cando en Galicia temos un problema, a resposta non pode ser sempre máis intervención dende a extrema esquerda, máis taxas, máis papelame. Ten que ser máis Galicia: máis liberdade, máis calidade, máis sentido común.
Non nos enganemos: unha taxa turística non mellorará os servizos, só encarecerá a nosa oferta e reducirá a competitividade fronte a territorios que si entenden o que está en xogo. Galicia non pode ser unha excepción negativa no mapa europeo.
Neste debate, debemos estar: ao carón da xente que crea, que emprende e que ama este país. E non co intervencionismo de despacho que nin entende nin defende Galicia.
Juan Carlos Piñeiro Docampo
Secretario Xeral de Compromiso por Galicia
Consejero Partido Demócrata Europeo