Site icon Crónica3.com A Mariña

Míriam Bermúdez: “Un paseo que esmorece: táboas podres, herba medrando e un goberno que non ve máis alá da Praza Maior”

Viveiro, 20 de maio, 2025. A portavoz municipal do BNG, Míriam Bermúdez, denuncia o que cualifica de ·lamentable estado do paseo fluvial do Landro, entre Viveiro e Portochao, onde a vexetación descontrolada invade o camiño pola falta absoluta de rozas e onde se poden observar numerosas táboas rotas, deixando furados de máis de 50 cm de profundidade que supoñen un risco indiscutible para as persoas que o transitan”.

Durante o mandato do BNG investíronse máis de 23.000 euros no mantemento deste espazo: reparacións de carpintería, podas, desbroces e outras actuacións que garantían a conservación dun dos paseos máis utilizados pola veciñanza. “Sempre actuamos en tempo e forma, con responsabilidade e compromiso”.

“Pero a pasividade desta Alcaldesa 60K é absoluta: nin rozas, nin reposición de táboas, nin balizamento da zona por seguridade, nada. Só deixamento dunha alcaldesa que só ten ollos para a Praza Maior, mentres o resto do concello esmorece”.

Costas confirmou a renovación do paseo fluvial do Landro para 2025 cando o BNG estaba no goberno

“Sabemos que este paseo presenta problemas estruturais de fondo. Por iso, cando o BNG estaba no executivo, iniciamos xestións co Servizo Provincial de Costas -titular do paseo- para acadar unha solución definitiva, conseguindo o compromiso de renovar por completo a pasarela de madeira. E todo grazas ao traballo da nosa portavoz, Míriam Bermúdez”.

“Un compromiso que, de continuar o BNG no goberno, hoxe sería unha realidade. Porén, o actual executivo do PP nin dá continuidade ao traballo feito nin amosa o máis mínimo interese en facer seguimento nin presión para que esta renovación se materialice”.

“Pode que, como xa fixeron noutras ocasións, desprecen as propostas do BNG só por seren nosas: como fixeron coa remodelación da Praza de Abastos, coa contratación dunha empresa de servizos enerxéticos que aforraría ata un 50 % a factura da luz, ou coa proposta de que a Xunta asuma o Conservatorio de Viveiro”.

Exit mobile version