Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo acollerá o Día das Letras Galegas un acto de achegamento a Álvaro Cunqueiro da man de Ediciones 98

17 de maio, Día das Letras Galegas, a partir das 20h, Cunqueiro voltará a estar presente, coas súas obras, na Casa Museo, da man de Jesús Blázquez, director de Ediciones 98

Mondoñedo, 6 de maio, 2025. Mondoñedo acollerá, dentro do Día das Letras Galegas, un acto de achegamento a Álvaro Cunqueiro da man de Ediciones 98 (www.ediciones98.com) que achegará a súa serie de libros en Castelán, cos títulos: Merlín y familia, Gente de aquí y acullá, Las crónicas del sochantre, Escuela de curanderos y fábula de varia gente, Los otros feriantes e o inédito que veu a luz no pasado ano, La taberna de Galiana. (Biblioteca: «Álvaro Cunqueiro» – Ediciones 98)

O acto, de entrada libre, terá lugar na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro e nel, acompañarán a Jesús Blázquez, director da editorial que levará o peso da intervención, D. Manuel Otero, Alcalde de Mondoñedo e Dna. Aurora Moirón, curmán de Cunqueiro e quen conviviu con el nuns momentos tan senlleiros como foron os anos en que escribe o Merlín e Familia, no mesmo lugar que hoxe ocupa a Casa Museo.

Este achegamento ao Cunqueiro editado en castelán, no que se falará da obra, pero tamén da persoa da man da súa curmán, verase complementado pola presentación dun novo espazo virtual na web de Ediciones 98, sobre o mundo de cunqueiro, a Ruta Literaria Virtual Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo con Ediciones 98 (www.ediciones98.com/ruta-cunqueiro-mondonedo), que ofrece un mapa interactivo, con imaxes, vídeos de algo máis de dous minutos e breves textos explicativos de Jesús Blázquez, no que se amosan os espazos Cunqueirianos de Mondoñedo recollidos nas obras publicadas nesta editorial.

Dende o Concello de Mondoñedo, a Casa Museo e Ediciones 98, queren convidar a todas e todos os afeccionados a este mindoniense universal a achegarse á Casa Museo o vindeiro sábado 17 de maio, día das Nosas Letras, para celebrar, unha vez máis, a Cunqueiro.

Exit mobile version