Este investimento permitirá actuar sobre diversos camiños nos lugares de Pacios, A Retorta, Follabal e Val das Eguas, con actuacións destinadas a mellorar o estado do firme, garantir a accesibilidade e reforzar a seguridade das vías que conectan núcleos de poboación e zonas agrícolas.
O orzamento total do proxecto ascende a 76.020,56 euros, dos cales o Concello aportará 16.918,56 euros con fondos propios, reforzando o seu compromiso co equilibrio territorial e o apoio á vida no rural.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “esta nova achega permitirános seguir actuando sobre camiños esenciais para a mobilidade da veciñanza, facilitando a actividade económica e garantindo servizos en parroquias que, como as do noso concello, precisan de infraestruturas coidadas e funcionais”.
Ademais, engadiu que “desde o Concello estamos comprometidos en continuar mellorando as vías de comunicación en todas as parroquias, e esta liña de axudas de Agader é unha ferramenta útil para avanzar nese obxectivo común”.
O Concello de Trabada continúa así co seu plan de actuación sobre estradas municipais, que pretende modernizar a rede de camiños rurais como base para un rural vivo, conectado e sustentable.