“Castiñeira xa non se acorda do acontecido en xullo do ano 2016, cando acusou directamente, actuando como xuíz e parte, a unhas persoas dos altercados nas festas do Carme de San Martiño, con oito persoas implicadas nunha pelexa, e reclamaba publicamente actuar á Garda Civil”, lembra o alcalde, Fran Cajoto, que engade: “ante varios incidentes que agora están saíndo á luz pública, estamos en conversas coas forzas de seguridade e actuando con responsabilidade. O que lle pido a todas e todos é que ante calquera conflito o trasladen ás forzas de orde público ou a min como alcalde. Tranquilidade, deixar traballar aos profesionais na materia ante calquera delito ou falta que se poda producir. O PP fixo o mesmo co episodio dos okupas do 2021, tamén coa carpa do Carnaval ou coa mellora das rúas. O que non debería xogar en ningún caso Castiñeira é coa seguridade ou co nerviosismo dos seus conveciños. O labor do voceiro da oposición está sendo nefasta, demostra unha irresponsabilidade tremenda, impropia de alguén que ostentou a alcaldía”.
Fran Cajoto explica que “o Concello fixo unha xunta de seguridade o 20 de febreiro e reunirémonos as veces que faga falta. Esta semana programamos unha xuntanza coa Garda Civil e vamos seguir traballando cos responsables da seguridade para garantir unha vila tranquila, como é a nosa”.