Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa o PP de incorrer en fraude de lei por tramitar a macrocelusa de Altri cunha DIA que só afecta á primeira fase

Luís Bará pide o cese da directora xeral de Patrimonio por asinar o informe que contempla propostas como converter a cheminea nunha icona artística ou buscarlle “usos alternativos que revertan na comunidade local”

Santiago de Compostela, 2 de maio, 2025. O viceportavoz parlamentario do BNG e reponsable de Medio Ambiente, Luís Bará, acusou o PP na Xunta de incorrer en “fraude de lei” na tramitación do proxecto de Altri para implantar unha macrocelulosa en Palas de Rei, e advertiu que “a bola de irregularidades” que se van coñecendo aumentan as “sombras e sospeitas” sobre a xestión do Executivo de Rueda. “É a propia Xunta, igual que pasou na éolica, a que está a crear inseguridade xurídica por actuar de maneira irregular e parcial, por non respectar a lei nin os procedementos”, asegurou.

Bará referiuse ao “fraude de lei” que supón, en primeiro lugar, que non haxa unha valoración integral do proxecto da macrocelulosa pois, segundo explicou, a declaración de impacto ambiental só se fixo da primeira parte do proxecto, o que ten “importantes consecuencias” tanto no que se refire a consumo de auga como de eucalipto. Lembrou, neste sentido, que nunha primeira fase Altri prevé a produción de 250.000 toneladas de pasta celulosa e 60.000 lyocell, mentres que na segunda serían 400.000 e 200.000 respectivamente. Na avaliación só se contempla ademais a ocupación de 120 ha, cando “é evidente que pode ser máis do dobre”.

Entre outras cuestións, criticou así mesmo que non se avalíe nesta fase de tramitación a liña de alta tensión e a subestación eléctrica que sería necesario construír e que estaría, ademais, na contorna de protección do Camiño de Santiago.

Tampouco se fixo, agregou, unha “avaliación acumulativa e sinérxica” de todos os impactos, “o que podería constituír outro motivo de irregularidade e podería dar lugar á vía contencioso administrativa e a unha posible paralización cautelar do proxecto”. Irregularidade que se sumaría a outras xa denunciadas polo BNG, como a ocultación do acordo secreto de Altri e a Sociedade Impulsa, os cambios de lei e os “cesamentos e nomeamentos” na Xunta a medida ou “informes de parte” que constitúen “indicios de prevaricación ambiental”.

Bará referiuse ao proxecto de Altri como “un auténtico atentado ambiental e un ecocidio” e criticou, neste punto, que o informe de patrimonio natural —asinado por un xefe de servizo e polo director xeral de Espazos Naturais, Tomás Fernández Couto– propoña transplantar as tres especies de flora endémicas que se atopan no espazo que ocuparía a macrocelulosa “cando hai informes científicos que din claramente que non é posible”.

No mesmo informe, advertiu, contémplase como proposta a construción dun “cinto verde exterior” como “camuflaxe” da megafábrica no que se plantarían árbores que, segundo a propia consultora contratada por Altri, acadarían unha altura de entre 10 e 15 metros pasados quince anos, cando o complexo da pasteira inclúe “unha cheminea de 75 metros e caldeiras de 60, 45 e 50 metros de altitude”. Nin a propia consultora, matizou, acredita nesta proposta.

O informe “insultante e provocador” de patrimonio cultural

O patrimonio cultural é “outro dos elementos absolutamente críticos” na DIA aprobada polo Executivo do PP cun informe do que Bará subliñou, en primeiro termo, que estea asinado pola propia directora xeral de Patrimonio. É que non había ningún técnico que o asinase?, preguntouse.

Afondando no informe en cuestión, destacou que, recoñecendo o impacto visual do proxecto de Altri en Palas, asuma medidas de “integración” paisaxísticas incluídas nun estudo encargado por Altri ao expresidente e ao actual tesorero de Icomos-España, Jordi Tresserras, e Alonso Campanero respectivamente. Medidas como converter a cheminea de Altri nunha icona con “elementos decorativos ou artísticos” dentro dun complexo arquitectónico “atractivo”. “Están falando de facer un Guggenheim?”, ironizou.

Igualmente, o deputado do BNG cualificou de “provocadora” a proposta de darlle á cheminea “usos alternativos que revertan na comunidade local”, tal e como se punta no informe asinado por Tresserras, do que dixo que cando menos incorre nun “conflito de interese de tipo ético” ao aceptar o encargo da pasteira portuguesa.

“O informe de patrimonio cultural é absolutamente bochornoso, absolutamente insultante e absolutamente provocador”, manifestou Bará, que acto seguido reclamou a “a dimisión ou o cesamento inmediato” da directora xeral que o asina.

Cambios de última hora sobre saúde pública

O viceportavoz parlamentario do BNG denunciou, por outra banda, os cambios de última hora introducidos no informe de saúde pública porque tiña “expresións incómodas e que podían ser comprometedoras”. Un informe que, lembrou Bará, fai referencia ao impacto na saúde da liña eléctrica provisional que se construiría entre a subestación de Melide e a fábrica e que inicialmente ía ir soterrada pero que agora iría na súa maior parte por vía aérea seguindo as indicacións de Patrimonio Cultural para evitar escavacións pola traza do Camiño portugués.

O informe de saúde pública foi modificado horas antes de ser aprobada a DIA suprimíndose un parágrafo no que solicitaba a Altri máis documentación e se facía constar que se esta non chegaba a tempo “o sentido do informe será negativo”.

Exit mobile version