Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo esixe información sobre a actuación do goberno municipal na rúa Deputación

Ribadeo, 22 de maio, 2025. O BNG de Ribadeo vén de solicitar no Concello o informe da comisión de Patrimonio e do Xacobeo para a actuación de limpeza e demolición dos solares 1 e 3 da rúa Deputación.

Cando o anterior goberno do BNG actuou de maneira subsidiaria en ditos solares por cuestión de seguridade, a autorización de patrimonio condicionaba dita actuación á reconstrución futura do inmoble coas mesmas características urbanísticas.

Despois das declaracións públicas feitas polo alcalde de Ribadeo este mércores 21 de maio, Pablo Vizoso, voceiro do grupo municipal nacionalista, manifesta que: “Desde o BNG esixímoslle que dea explicacións sobre as actuacións futuras en ditos solares, que anuncia con moita pompa nos medios”.

Segundo Pablo Vizoso: “Esas declaracións de Daniel Vega resultan sorprendentes pois, ou hai modificación do informe de Patrimonio referido ás posibles actuacións en ditos solares, ou o alcalde de Ribadeo estase a exceder nas súas atribucións ignorando as decisións tomadas por Patrimonio”. Lémbranos Pablo Vizoso que: “Xa lle ocorreu o mesmo cando se empeñou en colocar un armatroste na entrada do concello para os mastros das bandeiras. Bo tirón de orellas lle deron naquela ocasión! Pero vese que o alcalde non aprende. Volve ás andadas con declaracións pouco meditadas e actuacións pouco claras”.

Exit mobile version