Néstor Rego advirte do grave deterioro destas infraestruturas e urxe o Ministerio de Transportes e ADIF a actuar canto antes
Durante a visita, Rego estivo acompañado polo portavoz municipal do BNG no Concello do Vicedo, Miguel Gómez, o responsábel comarcal da formación nacionalista na Mariña, Antón Veiga, e militantes e simpatizantes da organización na localidade.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta de que estas pontes “non cumpren as condicións mínimas de seguranza viaria, con plataformas estreitas, curvas perigosas e varandas deterioradas ou directamente desaparecidas”, e reclama ao Ministerio de Transportes e a ADIF “a inmediata intervención para garantir a protección da veciñanza”.
A ponte de Valdesuso, próxima ao lugar do Espiño, conta cunha plataforma tan estreita que apenas permite o paso dun vehículo, precedida ademais dunha curva de difícil visibilidade pronunciada en que son frecuentes os accidentes. Parte da varanda de protección está xa desaparecida e a zona permanece marcada unicamente con cinta policial, despois do último sinistro. “Esta situación é intolerábel. Os veciños e veciñas non poden esperar a que haxa unha desgraza maior para que se actúe” denuncia Rego.
Segundo explica o deputado nacionalista, a situación da ponte en Sacido, nas proximidades do apeadeiro do Vicedo, “non é moito mellor”. A pesar de contar cunha plataforma algo máis ampla, unha curva pronunciada nun dos seus extremos provoca tamén saídas de vía frecuentes. Os sistemas de protección están completamente deteriorados e, en moitos treitos, foron substituídos tan só por cintas de plástico. “Estamos a falar de pasos esenciais para o tránsito local e de emerxencia, que non poden continuar nestas condicións precarias” explica o deputado nacionalista.
Ademais, Rego chama a atención sobre a ausencia total de beirarrúas ou calquera medida de protección para as persoas peóns, o que agrava o risco nestas infraestruturas. “É preciso reformar estas pontes cun proxecto integral que permita corrixir o trazado, ampliar a plataforma e garantir o paso seguro tanto de vehículos como de persoas” subliña.
Por outra parte, o BNG pregunta ao Goberno se ten coñecemento do estado actual destas pontes, cando foron revisadas por última vez por ADIF, e se existen informes sobre o seu deterioro. Así mesmo, interpela sobre a posibilidade de acometer, en coordinación co Concello do Vicedo, un proxecto de reforma que atenda ás demandas da veciñanza.
“Non falamos só de melloras estruturais, senón de garantir dereitos básicos: mobilidade segura, acceso a servizos de emerxencia e protección da vida das persoas. É responsabilidade do Estado atender estas necesidades con urxencia” conclúe Rego.