Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita continuar coa retirada de vehículos abandonados en Viveiro para garantir máis aparcamento e seguridade antes do verán

Míriam Bermúdez lembra que durante o mandato nacionalista se retiraron 27 coches grazas a un contrato impulsado polo BNG

Viveiro, 30 de maio, 2025. A portavoz do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, vén de solicitar que se reactive a retirada de vehículos abandonados das rúas de Viveiro, unha medida que foi impulsada polo anterior goberno nacionalista e que permitiu retirar 27 coches que levaban anos ocupando espazo público sen uso.

Bermúdez advertiu que “nos últimos meses estanse a detectar novos vehículos abandonados e é fundamental actuar antes de que se acumulen máis”. O BNG lembra que esta iniciativa, ademais de mellorar a imaxe e a seguridade das rúas, é especialmente urxente nestas datas para liberar o máximo número de prazas de aparcamento antes do verán.

“Durante o noso mandato puxemos en marcha un contrato específico para a retirada destes vehículos. Grazas a iso retiramos 27, que xa non ocupan espazo público nin supoñen riscos”, explicou Bermúdez.

Desde o BNG sinalan que manter esta política activa ten beneficios múltiples para Viveiro:

-Evita problemas ambientais e de seguridade viaria.

-Libera espazo público para o aparcamento de residentes e visitantes, clave de cara á tempada estival.

-Xera ingresos para o Concello: cada turismo retirado aporta 199,65 €, e 242 € no caso de furgonetas, todoterreos, remolques, etc.

A formación nacionalista lamenta que “unha vez máis o actual goberno do PP deixase sen continuidade unha medida útil e efectiva para o día a día da veciñanza” e esixe que se retome canto antes o contrato de retirada, xa que non actuar agora supón volver ao abandono e ao colapso de prazas de aparcamento en plena tempada alta.

Exit mobile version