Abrirá os mércores de 16:00 a 17:00 horas, e calquera persoa pode deixar un libro en bo estado e recoller outro, tanto para ler na casa como no propio parque
Trátase dun proxecto bautizado como “Libroteca” pensado para achegar a lectura a todas as idades e animar á veciñanza a compartir libros dun xeito sinxelo, accesible e sostible.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata o parque en compañía do alumnado do CEIP de Cervo, que foron os que estrearon este novo punto de lectura cuxa idea partiu do propio centro, e máis concretamente de Lila, que foi docente no colexio e que se encargará de xestionar a libroteca que foi moi ben acollida polos nenos e nenas, que desfrutaron da experiencia rodeados de natureza.
O funcionamento da biblioteca é moi sinxelo: calquera persoa pode deixar un libro en bo estado e, a cambio, levar outro para ler. Os exemplares poden lerse comodamente na casa ou aproveitar o espazo do parque para desfrutar dunha lectura ao aire libre, nunha contorna agradable e tranquila.
O punto de intercambio, no que todo tipo de libros son benvidos (novelas, cómics, ensaios, poesía…) estará dispoñible todos os mércores de 16:00 a 17:00 horas.
A rexedora explicou que este proxecto naceu coa idea de crear un espazo que anime á lectura e que sirva como punto de encontro para todas as idades, nunha contorna privilexiada como é o parque Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane; como homenaxe tamén a estes dous persoeiros ilustres da cultura galega tan vencellados a Cervo; un espazo no que unimos pois memoria histórica coa promoción da lectura e a creatividade, en plena natureza.
Esta biblioteca ao aire libre é pois –engadiu- unha maneira de coidar dos libros, de compartilos e de desfrutar deles en contacto co medio e puxo en valor a colaboración entre a comunidade escolar e o Concello para poder materializar proxectos tan bonitos e especiais como este, agradecéndolle ao CEIP de Cervo, e especialmente a Lila, “a súa disposición e xenerosidade para poder darlle vida a esta proposta que busca reforzar o hábito lector entre a poboación especialmente entre os máis pequenos, e tamén fomentar valores como o coidado dos bens comúns, o respecto polos libros e a importancia de compartir coñecemento”.