O custo total do proxecto ascende a 28.571,42 euros, polo que o Concello aportará 8.571,43 euros de fondos propios, reafirmando así o seu compromiso coa posta en valor dos espazos públicos e coas políticas sociais.
A vivenda situada na antiga escola de Vidal foi destinada a alugueiro social durante este ano, xunto con outros inmobles municipais que forman parte do plan do Concello para dar novos usos sociais ás antigas escolas da localidade.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “continuamos traballando para aproveitar os nosos recursos municipais con fins sociais. A recuperación das antigas escolas é unha oportunidade para ofrecer vivenda digna, accesible e cun impacto positivo na paisaxe e na vida da veciñanza”.
Ademais, nas vindeiras semanas comezarán as obras de reforma da vivenda da antiga escola de Valboa, que tamén será destinada a alugueiro social unha vez rematadas as actuacións.
Con este tipo de proxectos, o Concello de Trabada aposta por unha xestión responsable do patrimonio público, que contribúe á mellora da calidade de vida da poboación e á loita contra o despoboamento.