Site icon Crónica3.com A Mariña

“O exemplo de planificación é poñer dúas rúas no mesmo sentido e que unha desfonde nun abrir e pechar de ollos”, contesta a voceira do goberno municipal de Foz ao PP

Foz, 26 de maio de 2025. En resposta ás críticas do Partido Popular sobre a planificación do tráfico nas rúas de Foz, a voceira do goberno municipal, Inés López Couto, contesta que “o exemplo de planificación é poñer dúas rúas no mesmo sentido e que unha desfonde nun abrir e pechar de ollos”.

Inés López Couto engade: “é curioso que o señor Castiñeira sempre teña unha lección que dar, incluso a técnicos con cualificacións profesionais e experiencia; sempre sabe máis ca todos. Está en desacordo co plan de mobilidade, pero non argumenta o porqué. O falar non ten cancelas, sobre todo cando se fai sen ningún tipo de argumentación. O mantra principal é o de déixao así; sempre foi así e así está ben. Se os estudosos ao longo da historia aplicaran a máxima do voceiro da oposición, a sociedade estaría estancada ou peor, iría cara atrás, coma cando negou a existencia do cambio climático no pleno”.

A voceira do goberno municipal de Foz explica: “o exemplo que seguimos é o de non actuar por impulsos coma el. Todas as decisións teñen a base no Plan de Mobilidade. Pero se se molestara en lelo e non só en mirarlle dúas frechas a ver se son como lle parece sabería que como no mesmo documento se define calquera proposta de desenvolvemento de Mobilidade Sostible baseado nunha planificación previa na cal é preciso realizar hipóteses sobre variables sometidas a evolución, debe ser revisada durante a súa execución coa finalidade de avaliar a súa adecuación á realidade.[…] identificanto tanto os que […] necesiten de medidas correctivas ou cambios de rumbo, polo que todas as medidas están suxeitas a revisión e valoración se é necesario. Pero iso non lle interesou lelo”.

López Couto considera que “o señor Castiñeira prefire que en Foz non se faga nada, coma nos seus mandatos. É incapaz de solicitar á Xunta investimentos en Foz, xa non digamos a outras administracións. Vive anclado en 2018, en cando el era alcalde, non avanza e non deixa que o pobo o faga. Puxo as dúas principais rúas no mesmo sentido e desfondou unha das súas obras insignia, a Avenida da Mariña, e segue incapaz de recoñecer que foi un desastre. O único que lle interesa é armar barullo e xerar discordia. Cando fala de obras que se fan por capricho gustaríanos saber a cal se refire. Á rúa das Catro Calles en Marzán, ao camiño do Muíño en Vilaxoane, á subida ao Bispo Santo? Ou quizais aos 150.000 euros que tivemos que investir de novo na Avenida da Mariña? As obras van continuar: están en contratación Alfredo Brañas e Alfonso X. Proxectadas e orzamentadas a rúa Cervo, Jesús Nazareno, a rúa do Mar e a subida ao instituto. E imos seguir traballando, pero gustaríanos que o señor Castiñeira dunha vez por todas contribuíse algo, aínda que fora minimamente, á mellora deste pobo. O único positivo que podemos sacar disto é a conclusión de que a súa pataleta continuada non lle aporta nada a este pobo”.

Exit mobile version