Daniel García: “Hai produtores con dificultades para afrontar os custos da nova plantación; non imos permitir que o anuncio improvisado da conselleira en Ribadeo quede en papel mollado”
O deputado e responsable de Rural na Deputación de Lugo Daniel García adiantou que a formación nacionalista levará ao vindeiro pleno provincial unha iniciativa para esixir ao Partido Popular a activación das axudas directas e dos instrumentos de financiamento que anunciou en febreiro en Ribadeo, sumando a proposta ás iniciativas desenvolvidas xa polo BNG desde concellos e no Parlamento de Galicia en defensa dun sector estratéxico para a Mariña.
“Non imos permitir que o anuncio improvisado da conselleira de Medio Rural en Ribadeo quede en papel mollado”, sinalou o deputado provincial que apelou á responsabilidade dos deputados e representantes municipais do Partido Popular nos concellos afectados -Barreiros, Lourenzá, Trabada e Ribadeo, fundamentalmente – para aprobar por unanimidade esta proposta.
O deputado provincial constatou que “hai produtores e produtoras con dificultades para afrontar os custos da nova plantación polo que tiveron que devolver algún pedido, por exemplo das varas que suxeitan as plantas que supoñen, canda a preparación do terreo, un dos principais custes de produción”.
Alén das axudas inmediatas para afrontar o inicio da nova campaña, a moción do BNG reclama á Xunta de Galicia medidas a curto e medio prazo para asegurar a rendabilidade dun sector estratéxico para a Mariña como o impulso de programas de investigación e formación que permitan mitigar os efectos das pragas e das condicións meteorolóxicas, dotando ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo dos recursos necesarios asumir esas tarefas.
A proposta tamén reclama ao goberno do Estado e a Xunta de Galicia un traballo conxunto para incrementar os recursos destinados á faba dentro da PAC para garantir un financiamento máis acorde ás necesidades do sector. Concretamente, a moción avoga pola creación dunha axuda asociada agroambiental por superficie de plantación de faba.