Julio Abalde reclamoulle ao Goberno galego unha estratexia de contratación pública que fixe como criterio de adxudicación ou de execución a oferta de produto de proximidade procedente do mar
Abalde sinalou que, para os servizos de comedor de hospitais, centros escolares ou residencias de maiores, se debe establecer como criterio de adxudicación ou como condición especial de execución o uso de peixe galego, sinaladamente do cerco. “Esa é unha ferramenta que si podería empregar a Xunta, e lamentablemente no o está facendo”, afirmou.
O deputado do PSdeG recordou que o do mar “é un sector fundamental para a economía galega”, e que está atravesando “un mal momento”. A proposta do Partido Socialista serviría para apoiar o seu desenvolvemento. Julio Abalde lembrou tamén que o emprego de produtos de quilómetro cero tamén ten beneficios directos sobre o medio ambiente, posto que o impacto do seu transporte é menor, e sobre o emprego.
“Se baixa a produtividade, para que se fan as campañas, para os produtos de fóra?”
“Esa si sería unha boa política”, remarcou Abalde en contraposición ao que viña de denunciar momentos antes, durante a comparecencia da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar na comisión. O deputado socialista recriminoulle á responsable autonómica que se estea a fiar o apoio á pesca e o marisqueo a “campañas de márketing e publicidade”, o que non aporta solucións ao problema de fondo.
Abalde apuntou nomeadamente á situación das rías, onde os e as profesionais están sufrindo unha “brutal baixada da produtividade, sen que a consellería faga nada”. “E se baixa a produtividade, para que se fan as campañas? Para los produtos de fóra?”, preguntouse.
A iso engádese a “falta de diagnose” sobre o resultado desas iniciativas. “Hai que analizar a súa efectividade, non sexa que esteamos gastando os cartos para nada”, demandou, e insistiu en que, á marxe diso, faltan “plans de impulso ao consumo de peixe”, que caeu un 16 % desde o 2019 e un 3 % entre o 2023 e o 2024.