Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afea a “pasividade” do goberno local de Vilalba ante o “mal estado das infraestruturas municipais”

O Grupo Municipal Popular manifesta a súa preocupación polo mal estado das infraestruturas “porque pode supoñer risco para a seguridade dos usuarios”: no aparcamento soterrado temen que “poida caer parte do teito e provocar danos materiais nalgún vehículo ou, o que é máis grave, a algún peón”

Vilalba, 2 de maio de 2025. O Partido Popular condena “a total falta de interese” de PSOE e Vilalba Aberta pola conservación e mantemento das infraestruturas e inmobles de titularidade do Concello e insta ao goberno local a tomar medidas urxentes para garantir a seguridade.

Os concelleiros do PP advirten do “mal estado” no que se atopan moitas das instalacións municipais porque “o goberno non se preocupa o máis mínimo en facer os traballos de limpeza e mantemento”. Algúns exemplos de infraestruturas que presentan deficiencias son o auditorio municipal, o campo de fútbol da Madalena ou o aparcamento soterrado da praza da Constitución.

Os populares sinalan que “calquera propietario privado ten que facer tarefas de limpeza, acondicionamento ou pequenos arranxos que permitan conservar o seu patrimonio en bo estado” e defende que “o Concello, como calquera administración pública, debe manter os seus bens. Só dese xeito se garante que se manteñan en bo estado nun período de tempo máis longo evitando ter que facer intervencións maiores a curto prazo. E o que é importante, só así se garante aos usuarios o seu uso en condicións de seguridade”.

Dende o Grupo Municipal Popular xa advertiran do recorte na partida para conservación e mantemento nos presupostos do Concello para este ano: “cada ano recortan máis esas partidas orzamentarias” que considera “a evidencia máis clara da falta de interese do goberno municipal pola falta de mantemento e conservación das súas infraestruturas”.

SEGURIDADE

Os concelleiros do Partido Popular amosan a súa preocupación ante o risco para a seguridade dos usuarios que poida supoñer o mal estado de infraestruturas municipais.

En relación ao aparcamento soterrado, subliñan que “cando chove, cae auga tanto dentro coma fóra” polo que temen que “as filtracións de auga poidan provocar que caia parte do seu teito provocando danos materiais nalgún vehículo aparcado ou, o que é peor, a algún peón”. Nese sentido, condenan a “pasividade” do goberno local e urxen a “tomar medidas”.

Exit mobile version