Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz acusa a Cajoto “de usar a residencia de maiores como escaparate persoal”

“O alcalde de Foz está máis pendente do móbil e das fotos que dos maiores. Fai xestos baleiros, procura titulares e non dá unha soa solución real. Nin unha”, afirma Javier Castiñeira, voceiro do PP de Foz

Foz, 22 de maio de 2025. O Partido Popular de Foz denuncia con indignación a deriva propagandística e ridícula do alcalde Cajoto, que continúa empregando un tema tan serio como a residencia de maiores para facer política de escaparate, fotos sen contido e teatrillos impropios dun cargo público.

Nos últimos meses, Cajoto protagonizou unha serie de escenas máis propias dun reality show que dun alcalde serio: presentouse sen cita no despacho da conselleira de Política Social só para sacarse un seflie, interceptou unha visita oficial en Ribadeo para entregarlle uns papeis e forzar outra foto, e onte apareceu no Parlamento de Galicia, coma quen vai buscar cámaras, non solucións.

“O alcalde de Foz está máis pendente do móbil e das fotos que dos maiores. Fai xestos baleiros, procura titulares e non dá unha soa solución real. Nin unha”, afirma Javier Castiñeira, voceiro do PP de Foz. “Esta maneira de facer política, baseada no espectáculo e na mentira, é unha burla para os veciños de Foz”, continúa.

Cajoto segue insistindo nunha suposta débeda de 700.000 euros da Xunta que non aparece en ningún documento oficial, nin conta con respaldo técnico. A realidade é que foi o propio Concello, baixo o sue mandato, quen quixo impoñer uns prezos abusivos que o Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galicia tumbou. Ese é o verdadeiro problema da residencia.

“O señor Cajoto quere facer responsable á Xunta do que el mesmo estropeou. A conselleira Fabiola García fixo o que tiña que facer: dotou a Foz dunha residencia nova, moderna e equipada. O resto é fume e teatro. Mentres tanto, os usuarios, os familiares, os traballadores e ata os que eran os seus socios de goberno lle deron as costas. Xa ninguén lle compra o espectáculo” engade Castiñeira.

Desde o Partido Popular de Foz piden desculpas á Xunta de Galicia e á conselleira polo comportamento irrespectuoso do alcalde, e agradecen o compromiso constante e serio da Xunta coa nosa vila.

Exit mobile version