Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba urxe ao goberno local a arranxar o auditorio municipal

Os populares reivindican actuacións para garantir a seguridade e mellorar a imaxe dunha infraestrutura onde se desenvolven importantes actividades culturais e “evitar o malgasto de cantidades máis grandes de fondos públicos que son imprescindibles para acometer outro tipo de obras necesarias para os vilalbeses”

Vilalba, 27 de maio de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba instan ao goberno municipal bipartito a dar a máxima urxencia ao arranxo e conservación do auditorio e conservatorio municipal. Os populares inciden na necesidade de acometer as obras necesarias e poñer en marcha plans de mantemento que “eviten o progresivo deterioro das infraestruturas municipais e, polo tanto, o malgasto de cantidades máis grandes de fondos públicos, que son imprescindibles para acometer outro tipo de obras tan necesarias para os veciños e veciñas”.

O Concello de Vilalba conta con diversos edificios onde se desfruta de actividades culturais, deportivas ou de lecer que ao longo de moitos anos se foron construíndo para beneficio de todos e todas os veciños de Vilalba.

Pero, nos últimos anos, o goberno bipartito de “PSOE e Vilalba Aberta deixaron abandonar estas infraestruturas no que parece unha política de deixadez de funcións ou brazos caídos en materia de mantemento do patrimonio do Concello”, segundo indican os populares.

O bipartito ten anunciado unha actuación preventiva para evitar danos aos usuarios do auditorio e conservatorio debido á inestabilidade das lousas que cobren a fachada do edificio, pero que “foi rexeitada posteriormente alegando que non atopaba empresas que puideran acometer a reparación do mesmo”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular indican que “despois de pasados dous anos non podemos tolerar que esta situación continúe degradándose. Non o debemos consentir nin por estética, nin porque os medios económicos necesarios para esta reparación cada día serán mais elevados e, por suposto, tampouco por seguridade. De feito, ironizan sobre o slogan de ‘Cultura segura’ porque “parece máis unha casualidade”.

Para que as cousas funcionen existen diversos plans a nivel técnico que permiten adiantarse aos fallos e, neste caso, deberían aplicar a norma máis elemental do mantemento; xa que gracias a ela, estes problemas acaban sendo mínimos e os custes de reparación moito mais económicos evitando que as instalacións colapsen e se garanta o uso das mesmas nas mellores condicións.

Os populares advirten de que “medran bidueiros no teito do edificio” e de que “o pasillo lateral onde se atopa a saída de emerxencia ten unha capa de ferruxe que da a entender o estado no que se atopa a estrutura que debe ofrecer, precisamente, garantía de uso en caso de emerxencia”.

Estes casos, segundo os concelleiros do PP, evidencian “a ausencia dun control rigoroso sobre o uso e o estado das edificacións, sen ter en conta que isto deriva nun desperdicio de recursos públicos e nunha mala xestión municipal”.

Exit mobile version