Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que o goberno provincial “segue abandonando aos maiores ao negar a posta en servizo das 153 prazas dos centros de día comprometidas”

Antonio Ameijide lamenta que a negativa de socialistas e nacionalistas a cumprir coa palabra dada e poñer en funcionamento as máis de 150 prazas dos centros de día supón “seguir a poñer pedras no camiño á conciliación das familias”

Lugo, 27 de maio de 2025. “PSOE e BNG seguen a negar a atención prometida aos veciños da provincia”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, despois de ver como tanto PSOE como BNG votaron en contra de poñer en servizo as 153 prazas de atención a maiores nos oito centros de día provinciais (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro) que están pechados desde 2019.

Antonio Ameijide recorda como esas 153 prazas comprometidas e que non se poñen en servizo “son un servizo fundamental para garantir a conciliación de moitas familias lucenses”:

– Trabada, 20 prazas, sen poñer en servizo dende o ano 2019
– Pol, 18 prazas, sen poñer en servizo dende o ano 2019
– A Fonsagrada, 20 prazas, comprometidas dende o ano 2020
– Castroverde, 24 prazas, comprometidas dende o ano 2021
– Pedrafita do Cebreiro, 20 prazas, comprometidas dende o ano 2021
– Navia de Suarna, 20 prazas, comprometidas dende o ano 2021
– Meira, 20 prazas, comprometidas dende o 2021
– Ribas de Sil, 11 prazas, comprometidas dende 2023

Antonio Ameijide recorda que estes centros de día provinciais deberían de terse posto en funcionamento ao mesmo tempo que as residencias, algo que non se produciu “provocando un prexuízo a toda a provincia xa que se trata dun servizo prometido e comprometido por PSOE e BNG que negan a toda a veciñanza”.

Unha situación que supón que estas infraestruturas construídas con recursos públicos leven anos infrautilizadas; xa que, se ben foron concibidos para acoller residencias e centros de día, a día de hoxe seguen sen prestar este último servizo.

Antonio Ameijide lamenta que “os centros de día sigan sen abrirse” xa que se trata dun servizo “que tería un custo mínimo para as arcas provinciais”. “O custo para a Deputación sería mínimo, pouco máis do actual porque a calefacción é a mesma, a luz tamén, os gastos de funcionamento os mesmos e case todo o persoal sería o mesmo, polo que non falamos dun problema económico, senón dunha falta total de vontade política de PSOE e BNG”, denunciou.

Exit mobile version