Os senadores lucenses presentaron a iniciativa en Burela, o municipio da provincia con maior número de nacionalidades
Ata a reforma do Regulamento de estranxeiría, promovida polo Goberno de España e que entrou en vigor o pasado 20 de maio, esta era unha vía legal para que estranxeiros poidan obter un permiso de residencia temporal, a condición de que cumpran cun compromiso de realizar unha formación específica. Este trámite, permitirá aos interesados regularizar a súa situación mentres se capacitan para o mercado laboral español, en particular naqueles sectores que teñen especiais dificultades para atopar suficiente man de obra.
O obxectivo da iniciativa dos populares lucenses é reivindicar esta fórmula de formación a través de microcredenciais e trasladar ao Goberno de España a necesidade e pertinencia de manter estas medidas positivas para os migrantes en situación irregular.
Así o explicaron os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- durante un encontro con representantes do PP local e migrantes en Burela, o municipio da provincia con maior número de nacionalidades: 51.
ÉXITO DO PROXECTO EN GALICIA
As microcredenciais son cursos formativos de corta duración moi útiles para determinados sectores con alta demanda de traballadores: a hostalería, a pesca, o turismo, a atención sociosanitaria, a gandería, a produción agroalimentaria, a construción ou a limpeza e o mantemento.
Durante o trámite de información pública do proxecto do Real Decreto, a Xunta de Galicia ten presentado alegacións que foron ignoradas polo Goberno de España. Por exemplo, a necesidade de reducir a fenda entre as competencias adquiridas pola poboación migrante e as demandas no campo laboral; a importancia de axustar as ofertas formativas ás circunstancias vitais das persoas en situación irregular como unha vía para a súa regularización e a urxencia de atender as demandas do tecido produtivo e os continuos cambios no mercado laboral.
Os populares cren que “o Goberno de España debe recuperar unha fórmula que estaba funcionando en Galicia e dando resultados positivos”. De feito, recentemente catro entidades que colaboran coa Xunta -Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo, as Escolas Familiares Agrarias de Galicia e a ONG Rescate Internacional- superaron o centenar de beneficiarios dos que máis dun 70% conseguiron un traballo indefinido en España.
En Galicia o proxecto realizouse a través das chamadas microformacións, pequenos cursos formativos centrados en campos coma o turismo e a hostalería.