Tal e como figura no escrito oficial, os tres concellos trasladan a súa profunda preocupación pola falta de aplicación efectiva das medidas anunciadas, como as axudas directas de ata 2.000 euros por hectárea e a posta en marcha dun instrumento financeiro para dotar de liquidez ás explotacións afectadas pola catastrófica campaña de 2024. A día de hoxe, sinalan, ningunha destas medidas foi activada.
O alcalde de Lourenzá en funcións, Javier Huertas, explica que “a conselleira do Medio Rural, tanto nas reunións que mantivemos en Santiago como cando veu á Mariña, fixo público que estas axudas directas de 2.000 euros e financiamento a 0 por cento de intereses para que os agricultores lle puideran facer fronte a esta nova colleita, dado que no ano 2024 as perdas sufridas polo sector foron dun 80% e os ingresos que tiveron non chegan para cubrir os gastos desta nova campaña, que xa está iniciada e aínda non chegou ningún tipo de axuda. Por iso esiximos que cumpran a palabra que dixeron e que poñan en marcha esas axudas xa, incluso estendéndoas a produtores que non están na IXP”.
Huertas engade: “tamén se quedara en que no centro Pedro Murias se fixera investigación con agricultores desta zona sobre pesticidas e insecticidas para botarlle as plantacións de fabas, para saber se realmente aquí son eficaces, como están facendo no centro de Abegondo. Nese sentido tamén se quedara en que incluso algúns agricultores deixarían as súas terras para facer estes ensaios e que a produción fora a maiores”.
O Concello de Lourenzá segue apoiando aos produtores da faba, que “hoxe en día é un dos sectores que máis cartos move e máis riqueza dá ao concello, porque evidentemente faba de Lourenzá hai moita, por distintos sitios, pero aquí é onde temos o centro da faba e realmente hai moita xente dedicada a isto e se estas axudas non se levan a cabo o sector vai tender a desaparecer. O relevo xeracional cada vez é menor e se ano tras ano sofren perdas e non reciben apoio a xente nova non vai intentar seguir nisto porque quen queira montar un proxecto sobre a faba non ve un futuro claro á hora de levalo a cabo porque son moitos os requisitos que teñen que cumprir e que a Xunta debería ir reducindo. Pero o fundamental é que o que prometeron desde a Consellería do Medio Rural o leven a cabo e que o cumpran, pois ademais dixeran que no prazo de dous meses xa ía estar en marcha, pero iso non o vemos transmitido á realidade”.
Pola súa banda o alcalde de Trabada, Rubén García, é contundente ao respecto: “Esiximos á conselleira que cumpra coa súa palabra. Despois de todas as promesas realizadas, estamos xa a 16 de maio e aínda non chegou nada. O sector non pode agardar máis”.
A carta advirte que as perdas da última campaña superaron o 80%, deixando moitas familias produtoras nunha situación límite, sen apenas recursos para afrontar unha nova sementeira e con débedas acumuladas.
Entre as demandas incluídas no documento, destacan:
– A activación inmediata das axudas directas e de liquidez.
– A extensión destas axudas a todos os produtores, pertenzan ou non á IXP Faba de Lourenzá.
– A creación dun plan de investigación agronómica e fitopatolóxica.
– A colaboración co Principado de Asturias para reclamar conxuntamente en Madrid unha axuda asociada para a faba no marco da PAC.
Os tres concellos recordan que a faba é un cultivo estratéxico, parte do patrimonio agrícola e cultural da Mariña, polo que consideran inaceptable que a súa continuidade se vexa comprometida pola inacción administrativa.
Desde o Concello de Trabada reiteran o seu compromiso co rural e coas familias produtoras da comarca, e demandan da Xunta respostas inmediatas e medidas efectivas.