Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Viveiro denuncian “a manipulación do PP” e lembran que “a Xunta tardou tres anos en redactar o proxecto de A Xunqueira”

Viveiro, 14 de Maio de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Viveiro desmente de xeito rotundo as declaracións realizadas por Mariña Gueimunde e denuncia a estratexia do Partido Popular que tenta responsabilizar falsamente ao anterior goberno socialista do atraso no proxecto de A Xunqueira.

A voceira socialista e anterior alcaldesa, María Loureiro, recorda que “o expediente non estivo paralizado, como afirma falsamente a alcaldesa. O que realmente aconteceu foi que, en novembro, Augas de Galicia remitiu un requirimento que, por un erro interno, non se rexistrou nin en Alcaldía nin en Secretaría, motivo polo cal o goberno municipal non tivo coñecemento do mesmo”.

“Durante todos eses meses, Augas de Galicia non volveu reclamar nin demandar a documentación pendente. Non foi ata dous días despois da toma de posesión da actual alcaldesa cando a propia entidade se puxo en contacto para advertir da falta de resposta. O Partido Popular era plenamente consciente desta circunstancia e agora pretende xerar unha polémica artificial”, engadiu Loureiro.

A portavoz socialista subliñou que “este tipo de erros administrativos poden darse en calquera administración pública, e mesmo lle poden ocorrer á actual alcaldesa. O que non resulta admisible é empregar unha incidencia técnica para verter acusacións falsas e danar a reputación do anterior executivo municipal”.

Os socialistas insisten en que “Augas de Galicia non reiterou nin requiriu novamente a documentación desde novembro, o que demostra que non existiu abandono nin desatención por parte do noso goberno”.

Por outra parte, dende o PSdeG de Viveiro denuncian que o verdadeiro atraso do proxecto foi responsabilidade exclusiva da Xunta de Galicia, que tardou máis de tres anos en redactar o proxecto, logo de que en 2019, en plena campaña electoral municipal, o Partido Popular anunciase publicamente a súa suposta achega do 33 % do financiamento.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista esixe á alcaldesa e ao actual goberno local que “se centren en reclamar aos seus compañeiros de partido na Xunta de Galicia que cumpran dunha vez cos compromisos adquiridos coa veciñanza de Viveiro”.

Exit mobile version