María Loureiro lembra que a actuación foi promovida no seu anterior mandato, grazas á planificación municipal e á colaboración institucional coa Deputación, que achegou 544.000 euros en dúas anualidades
Este plan de humanización abrangue unha zona estratéxica no núcleo de Celeiro -no cruce da rúa Lavandeiras coa LU-P-6612 e a rúa do Porto- e ten como obxectivo mellorar a mobilidade, a accesibilidade e os servizos, sen renunciar á identidade mariñeira da contorna. O proxecto contempla a renovación das redes de abastecemento, o saneamento e pluviais; a mellora do alumeado público; a canalización de servizos; a pavimentación de beirarrúas e calzada; a creación de zonas de aparcadoiro, e a instalación de novo mobiliario urbano e sinalización.
Esta iniciativa contou cun orzamento de 680.704 euros, financiado grazas ao convenio asinado durante o mandato socialista entre o Concello de Viveiro e a Deputación de Lugo. A institución provincial achegou o 80% do investimento necesario para acometer a obras, mentres que o Concello aportou os 136.000 euros restantes.
A voceira socialista, María Loureiro, destaca que se trata “dunha actuación fundamental para mellorar a mobilidade e a accesibilidade da veciñanza de Celeiro, que permite renovar unha das áreas máis dinámicas do municipio sen perder a súa esencia mariñeira”. Subliña, ademais, que “esta intervención resolve un problema histórico que afectaba especialmente ao sector hostaleiro, relacionado co deficiente abastecemento de auga na zona”. Loureiro lembra que “foi unha iniciativa traballada polo goberno socialista, pensada para dar resposta ás necesidades reais do barrio e mellorar a calidade de vida da cidadanía”.
Desde o PSOE de Viveiro destacan que esta obra é un exemplo de xestión responsable, planificación a longo prazo e aproveitamento dos recursos públicos, coa vista posta na mellora dos espazos públicos e da calidade de vida da veciñanza. “A rúa do Porto de Celeiro é hoxe un exemplo do que representa a política útil e transformadora do PSdeG: proxectos ben deseñados, ben financiados e pensados para mellorar o día a día da veciñanza”, concluíu Loureiro.