Francisco García Novio comentou que, para escribir, el parte de feitos xa ocorridos, a partir dos cales recrea unha historia. Confesou que o aspecto máis complexo da faceta creativa é darlle estrutura ao relato, ir formando con dita historia inicial uns vimbios que conformen o cesto no que repousan as vivencias alí plasmadas. Mesmo confesou unha experiencia recente que de seguro ha dar lugar a novas historias, pois foi de tal intensidade, que aínda hoxe a evocaba con verbo apaixonado.
Lembrou aos amigos de Órrea, nomeadamente Carlos Veiga, que presentaron o seu documental “De sol a sol. Segadores de Órrea en Castela”, pois unha das historias de “A voz do mosquito” ten como pano de fondo a experiencia dos galegos que se achegaban pola meseta a facer os labores da sega. Esta historia, xunto con outras referidas ás relacións de parella, que evocan aspectos misteriosos ou escudriñan as cousas da vida cotián, ben merecen ser lidas e dadas a coñecer. Publicada pola Editorial Medulia: A voz do mosquito.
A A.C. Francisco Lanza agradece a asistencia ao acto: “todo o esforzo que realizamos para organizar estas actividades ten a súa debida recompensa coa vosa presenza. Non hai mellor premio nin maior gabanza”.