A proba, presentada hoxe na Delegación Territorial de Lugo, celebrarase o 24 de maio e constará de case 2,5 quilómetros de percorrido
A xornada festiva inclúe tamén unha comida popular con paella no pavillón polideportivo, aberta a todas as persoas interesadas. O custo xeral é de 20 euros, de 18 para socios e participantes, e gratuíta para os menores de seis anos.
As inscricións para as distintas actividades estará aberta ata o 21 de maio, e poden formalizarse no Teleclub de Sante ou ben por teléfono chamando ao 636 024 263. Os organizadores prevén reunir arredor de 80 participantes.
O Descenso de Carrilanas puntúa para a Copa de Galicia e discorrerá por un itinerario de 2,467 quilómetros, con saída no barrio do Castro e chegada xunto á igrexa de San Xiao de Sante. Comezará ás 16.00 horas cos adestramentos oficiais e a continuación disputaranse as dúas baixadas cronometradas.
Entregaranse premios aos tres mellores tempos da clasificación xeral, e tamén aos tres mellores de cada categoría atendendo á distribución establecida pola Federación Española de Deportes de Inercia en base ás características dos diferentes vehículos. Ademais, concederase un premio especial ao participante máis rápido e outro ao máis espectacular.