As XXXII Xornadas Técnicas e unha xornada informativa do IGAPE completaron as actividades da Feira Expomar o venres. O acto de clausura do sábado adianta o seu horario ás 18:30
Abriu a sesión Edita Pereira, xefa de servizo de estudos de CEOE e membro do Consello Económico e Social (CES) e do Consello da Produtividade de España, remarcando a xeopolítica como epicentro do mundo actual.
A continuación, José Luis Santiago, técnico da área de Socioeconomía da Pesca do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), defendeu a pesca como motor económico e social, no seu relatorio “Redes que sosteñen territorios”.
Pola súa banda, Javier Botana, peixeiro divulgador de Peixarías Coruñesas coñecido mediáticamente como “Capitán Agallas”, abordou o tema da comunicación e as redes sociais, diante das que “calquera sector illado vólvese débil e vulnerable”.
E finalmente, Miguel Angel Lurueña, divulgador científico autor de “Gominolas de Petróleo”, centrouse na saúde e nutrición, presentando o peixe como un alimento nutritivo, saboroso e… seguro?.
Esta segunda xornada estivo moderada por Álex Rodríguez, secretario do Consello Consultivo de Frota de Longa Distancia LDAC.
Xa pola tarde, a zona de presentacións do recinto feiral de Expomar acolleu a xornada informativa “Axudas e apoio do IGAPE para empresas galegas”, que correu a cargo de Isaac Rosón Sánchez, director da área de Innovación do IGAPE.
Este sábado 10 de maio clausúrase a vixésima edición da Feira Expomar cun programa cargado de actividades, que se inician ás 12:00 cun espectacular ronqueo dun peixe espada de 130 quilos de peso patrocinado por INTERFISH-España e realizado por expertos da empresa Matrice Tuna, que explicarán a arte do despezamento cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sustentabilidade. A continuación do ronqueo, OPP-7 Porto de Burela ofrece unha degustación gratuíta de receitas de peixe espada da súa frota de palangre de superficie.
Pola tarde, ás 17:00 terá lugar o acto de presentación da “Rede de Turismo Pesqueiro de España”, da que a Fundación Expomar é unha das súas promotoras, coa participación de representantes da propia Fundación Expomar, do Concello de Burela, da Administración Central, da Consellería do Mar, da Federación Nacional de Confrarías e doutras entidades que tamén forman parte deste proxecto, como o Consorcio Turismo Huelva, a Asociación de Redeiras da Guarda e Pesca Turismo de Sanxenxo.
Finalmente, aínda que o recinto feiral seguirá aberto ata as 20:30, o acto de clausura de Expomar 2025 adianta o seu horario ás 18:30 como un xesto de apoio ao clube deportivo Burela fútbol sala, cuxo equipo masculino xoga ás 19:30 no pavillón Vista Alegre unha partido clave para lograr a súa permanencia en Primeira División fronte ao Pozo Murcia.
O acto de clausura está presidido pola presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares.