Site icon Crónica3.com A Mariña

“Sr. Alcalde!, respecte a ordenanza municipal”. Farruco Graña

É una vergoña que na semana na que imos desenvolver un feixe de actos para conmemorarmos o Día Das Letras Galegas, teñamos que comprobar que de novo o goberno municipal de Ribadeo volve empregar sinaléctica en castelán incumprindo a ordenanza municipal vixente no Concello de Ribadeo a respecto do uso do galego.

Xa a comezos deste ano 2025 puidemos comprobar que foran colocados nos muros das nosas rúas uns paneis prohibindo “fijar carteles”. É que acaso hai quen considera que a lingua galega non é digna de expresar valores estéticos como o coidado e ornato das nosas rúas? Acaso queremos reducir o uso do galego a actos protocolarios e negarlle a súa validez como lingua vehicular na vida cotián das nosas vilas e cidades? Hai quen, por moito que tivera a oportunidade de se empapar da memoria dos muros que deron acubillo aos vilancicos de Nadal e Reis da Catedral de Mondoñedo, agora que ostenta outras responsabilidades, xa esquece a lingua do seu berce. Que teña conta do angazo!

Non é este un artigo para falarmos de política municipal. Como cidadán ribadense que son, ben podería estar preocupado pola situación económica do Concello (diminución drástica dos remanentes), polo retraso na finalización das obras do Hospital Asilo, ou a corta incontrolada e totalmente inoportuna e caprichosa de árbores (nomeadamente no CEIP Gregorio Sanz). Pero hoxe convócame outra preocupación ao fío da celebración do Día Das Letras Galegas. E maniféstoa en tanto que presidente da Agrupación Cultural Francisco Lanza.

Esta agrupación, que tanto ten dado a coñecer Ribadeo polo país adiante, e que é un dos referentes na historia do asociacionismo cultural galego, desenvolveu ao longo dos seus 54 anos de historia un feixe de actividades destinadas todas elas a dar a coñecer e desenvolver a lingua e a cultura galegas. Pasamos por momentos difíciles nos que as autoridades gobernativas miraban con lupa todo canto faciamos. A lembranza máis intensa é a da Feira do Libro en Galego, na que mesmo se vendían exemplares de xeito medio clandestino por temor a represalias. Lonxe quedan eses anos. Xa na actualidade puidemos gozar do apoio e colaboración do concello de Ribadeo. E non nos importa ren, cada vez que realizamos un acto, indicar que contamos con ese apoio.

Pero o noso recoñecemento non é un silencio cómplice e submiso. Non podemos mirar cara a outro lado e facer como que non vemos. Reclamamos do actual goberno municipal que respecte a ordenanza municipal sobre o uso do galego; reclamamos do actual goberno municipal que cumpra coa legalidade vixente ao respecto tamén no ámbito galego. E esiximos do señor conselleiro de Cultura que desde a Xunta de Galicia se vele por ese cumprimento. Como imos poder dar crédito ás gabanzas que o goberno da Xunta faga sobre o galego estes días se, despois, compañeiros seus de partido fan o contrario nos concellos? Parécelle ben ao señor conselleiro de Cultura, Xosé López Campos, que en Ribadeo se use sinaléctica en castelán? Acaso non ve útil o galego para dar indicacións á cidadanía? Só o acepta como adorno en actos protocolarios? Gustaríalle que na Estrada tamén se comezasen a rotular todos os carteis en castelán? Señor Campos, señor Rueda: aposten definitivamente polo galego e déixense de cálculos de interesada ambigüidade. A mellor celebración do Día das Letras Galegas é a que dura os 365 días do ano.

Farruco Graña
(Presidente da Agrupación Cultural Francisco Lanza)

Exit mobile version