Sentado nunha terraza nunha tarde que daba de si para iso, oio tocar as campás de Santa Clara dun xeito pouco familiar. De forma inmediata, por ese medio, chegoume a información: Habemus Papam.
Un pouco máis tarde, fun ollar a Galipedia e alí estaba xa o artigo comezado sobre León XIV, que ese é o nome escollido polo nominado Robert. Boteille unha ollada e seguín coa miña vida.
Coincidiu pasar por diante dun bar con algunha xente, pero falando alto. Aí, xa digo, nunha pasada, me ‘enterei’ de que o novo Papa sabía falar español, que vivira no Perú, que ‘ó mellor tiña raíces galegas’… é dicir, que xa pasara a formar parte dos comentarios de taberna. Terían pasado algo menos de dúas horas.
Na Wikipedia, sen resaltalo, xa quedaba claro que os últimos empurróns (ou tiróns) ó agora Papa foron obra do anterior, o Papa Francisco, o que leva a pensar que neste novo período seguirá unha liña que non se separará demasiado da seguida nos pasados doce anos de pontificado. Máis aínda cando ven de latinoamérica, aínda que sexa nado nos EEUU de Norteamérica (ou sexa, USA, non ‘América’ a secas).
O caso é que ‘temos ó Papa’, dixeron, o que sería a tradución do latino Habemus Papam. Algo ben diferente do ‘Temos Papa’ que se soe sobreentender tantas veces. Así, ‘temos ó Papa’ ven indicar que o Colexio Cardenalicio acadou unha maioría abondo de votos positivos para unha persoa, que, de resultas, é nomeado Papa. É unha cousa ‘deles’, que poden elixir. ‘Temos Papa’, por contra, ven significar que xa hai alguén con autoridade na Igrexa para mandar sobre esa parte da vida da xente englobada na Igrexa. É dicir, é algo ‘da xente’ na estrutura do catolicismo… Así pois, cousas, repito, ben diferentes, cunha distancia entre elas como a que hai entre mandar e obedecer.
Pasou xa unha noite e como resultado, xa que segue a ser noticia, intensifícanse as análises sobre como vai ser ou non o papado, ó tempo que, unha vez superada a ‘tensión informativa’, tamén se oen ou se poden ler novas sobre o prezo disparado dos hoteis en Roma esta tempada ou sobre a afluencia de ‘turistas’, categoría na que son encadrados os fieis -segundo se chaman a si mesmos- e que tamén ven a manifestar unha determinada consideración da Igrexa, fieis e as súas actividades.
Así pois, temos un novo Papa? Teñen un novo Papa? ‘Hai’ un novo Papa… En canto á Igrexa, despois de dous mil anos, sabemos que os cambios, aínda as ‘revolucións’, van lentas, e aínda así historia non exime de ‘contrarevolucións’.