Foi un particular quen alertou ao 112 Galicia dun accidente frontal no que, segundo indicaba, estaban implicados varios vehículos.
De inmediato, o centro de emerxencias mobilizou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cuxo persoal, unha vez no lugar, confirmou a necesidade de contar coa intervención dos Bombeiros, xa que unha persoa permanecía atrapada nun dos coches. Tamén foron alertados os Bombeiros de Barreiros, axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local e membros de Protección Civil.
Segundo informaron os equipos de intervención, na colisión víronse implicados catro turismos. Dous deles sufriron danos menores, mentres que nos outros dous os condutores, únicos ocupantes, tiveron que ser excarcerados polos bombeiros.
A pesar dos esforzos dos servizos sanitarios, un dos feridos faleceu na ambulancia durante o traslado ao centro hospitalario.