Segundo indicou a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado: “o primeiro sorteo, que foi presencial, tivo lugar o pasado domingo no estadio municipal Pepe Barrera. E o segundo, non presencial, celebrouse na mañá deste luns nas oficinas de Acisa Ribadeo. O nº 967 foi o gañador dos 300 euros en vales de compra, que o pasado domingo se sortearon no estadio municipal Pepe Barrera ao remate do partido que disputaron o Ribadeo FC e o Sofán”.
O premio foille entregado ao afortunado pola presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o secretario do Ribadeo FC, Moncho López.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembrou que “Acisa e o Ribadeo FC uníronse hai unhas semanas para poñer en marcha esta nova edición da campaña, na que o Ribadeo FC aporta 300 euros e Acisa aporta 500 euros. A parte do premio presencial, o luns sorteáronse nas oficinas de Acisa Ribadeo os premios non presenciais a porta pechada e mediante un sistema de xeración de números aleatorios. Os premios recaeron nos números 812, 1424 e 515, que recibirán cada un 50 euros en vales de compra; o numero 1515, é o afortunado con 150 euros en vales de compra; e o numero 988 é o agraciado con 200 euros tamén en vales de compra para consumir nos establecementos asociados a Acisa”.
Cruzado Iglesias engadiu: “os premios poderán ser reclamados ata o 23 de maio. De non ser reclamado algún deles volveranse sortear o 26 de maio. Os vídeos do sorteo pódense ver nas redes sociais de Acisa Ribadeo”.
Ribadeo de tapeo
Acisa Ribadeo invita a todos os ribadenses e visitantes a gozar do Ribadeo de Tapeo, organizado polo Concello: “aínda que non se trata dunha actividade de Acisa animamos a toda a veciñanza a participar e a gozar desta cita gastronómica, xa que dos 21 establecementos participantes, 17 son asociados de Acisa Ribadeo. Para nós tamén é importante que esta actividade sexa un éxito para que os negocios poidan dar a coñecer a súa excelencia e lles sirva como un revulsivo económico nesta semana do mes de maio”.