Site icon Crónica3.com A Mariña

A A.C. Francisco Lanza deu remate ao curso cultural coa presentación do libro “A fraga dos teixos. Relato dun naturalista tolo”, de Xosé Salvadores

Ribadeo, 20 de xuño, 2025. Este xoves 19 de xuño deuse remate ao curso cultural coa presentación do libro “A fraga dos teixos. Relato dun naturalista tolo”, de Xosé Salvadores, de Tempo Galiza Editora; un libro que ben poderiamos cualificar como “un canto á diversidade, un poema dedicado ás mil e unha formas de vida que enchen de cor a nosa paisaxe, unha sinfonía que estimula os nosos oídos ao compás do croar das ras, das augas que coroan os regos e da brisa que peitea os fentos”.

“Xosé Salvadores é unha persoa máis preocupada por deixar aos seus herdeiros un bosque de teixos que un saco cheo de moedas. As moedas pouco duran na man, e ben que poden encirrar na xente. Un bosque de teixos sempre esperta a sensación de serenidade. Especie nobre por excelencia, o teixo é unha das árbores que máis axuda precisan no noso país. Deixar un bosque de teixos é deixar saúde ás novas xeracións, é deixar biodiversidade, riqueza ecolóxica”.

“A fraga dos teixos é unha pequena chousa pegada a unha fraga ao pe do Padornelo. “A fraga dos teixos” é un texto escrito a xeito de ensaio e tamén á maneira dun pequeno libro de aventuras de quen emprendeu unha viaxe polos mundos dos camiños do monte galego. Xosé Salvadores fixo camiño da man das ferramentas que lle permitiron dar forma á fraga dos teixos, labrando vancais para poder acceder a todos os seus recunchos. Xosé Salvadores tamén fixo camiño da man da escrita mostrándonos a potencialidade do noso monte se somos quen de obter recursos del de xeito harmonioso en consonancia coa natureza da que formamos parte”.

“Moitas grazas a Xosé Salvadores por se desprazar ate Ribadeo para darnos a coñecer o seu libro. Pero especialmente queremos darlle as grazas ao público que nos acompañou en cada un dos nosos actos. Sen vós, a nosa actividade non ten sentido”, rematan desde a Asociación.

Exit mobile version