O presidente de Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente, explicou que “dentro do que é o noso grupo de sendeirismo, que habitualmente todos os anos facemos rutas dos Camiños de Santiago, este ano estamos realizando o Camiño do Mar, entón aproveitando que o 22 de xuño faremos o treito Cariño-San Andrés de Teixido, pensamos que moitos familiares dos que vamos andar se poden sumar a esta viaxe para pasear, visitar o santuario, ir á misa e logo xantar todos xuntos”.
Gómez Puente indicou que “deste xeito queremos abrir a cita do vindeiro domingo ao resto das veciñas e dos veciños de Barreiros e doutros concellos da Mariña. Imos poñer un segundo autobús que sairá ás 9 da mañá das inmediacións do centro de saúde rumbo a Cariño, onde faremos unha parada para pasear pola zona marítima e despois xa iremos a San Andrés de Teixido e será alí onde nos atopemos cos peregrinos da asociación que realizarán a pé o treito de 16 quilómetros comprendido entre Cariño e o santuario”.
E engadiu: “son 45 prazas as que temos dispoñibles para esa viaxe a San Andrés de Teixido. As persoas que queiran anotarse poden facelo estes días chamando ao seguinte número de teléfono: 623 22 68 25. Queremos disfrutar dun día de paisaxe, convivencia e compañeirismo, imos pasalo ben entre todas e todos visitando Cariño, Cedeira, San Andrés de Teixido ou Valdoviño, onde xantaremos”.